Friday 22 de November de 2024

O Concello inicia unha nova campaña no Castro de Elviña para investigar as causas históricas de desaparición dunha das torres do acceso


O equipo técnico, dirixido polo persoal do INCIPIT, estará formado por tres persoas e persoal de apoio. Prevese que rematen a finais do mes de maio

O obxectivo é determinar o momento da desaparición e avanzar na información sobre a evolución histórica do xacemento

O Concello da Coruña comezará este luns unha nova intervención arqueolóxica no Castro de Elviña para determinar as causas históricas da desaparición dunha das torres da entrada. Esta nova campaña súmase ás postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para a posta en valor do xacemento, avanzando no coñecemento das orixes da Coruña.

En concreto, a torre desaparecida daba entrada ao sector 16 do Castro de Elviña. Os traballos a realizar consisten na escavación de 105 metros cadrados na zona na que presuntamente se atoparía a torre, hoxe desaparecida, así como na terraza localizada no extemo sur da área de protección do xacemento. En función do material recollido, o Concello prevé realizar varias probas de datacións por carbono 14 para determinar o momento de abandono da croa, da desaparición da torre e da construcción da terraza sur do xacemento. O obxectivo é coñecer as posibles causas da súa desaparición, así como avanzar na información sobre a evolución histórica do xacemento.

A intervención estará dirixida por persoal investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), que forma parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O equipo técnico está formado por 3 técnicos/as co correpondente persoal de apoio. O prazo estimado de finalización dos traballos será o 31 de maio.

Ademais, durante a intervención, un total de sete alumnas do mestrado interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade participarán na campaña para formarse na aplicación da metodoloxía e estratexia de intervención arqueolóxica.