O público da Pobra do Caramiñal puido visionar de maneira íntegra o documental Voces da conserva ao abeiro da programación do Maio das Letras Galegas 2024.
E, para tal evento, elixiuse o teatro cine Elma na tarde do 10 de maio. A Pobra converteuse así na segunda das paradas desta proxección itinerante polos municipios que conforman Barbanza Arousa.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, abriu o acto cunha intervención na que destacou o papel que xoga este documental para a sensibilización sobre a importancia das fábricas de salgadura e da conserva nas localidades costeiras, o singular patrimonio material e inmaterial que deixou esta industria, e a relevancia das mulleres na mesma.
Case 20 minutos dun documental que concentra parte da historia dos concellos do Barbanza a través da salgadura e da conserva, así como dos vestixios que quedan dese pasado. Partindo da experiencia vital de Encarnación Castro, quen comezou a traballar na fábrica da Ribeiriña, de Andrés Díaz de Rábago, con só trece anos, incorpóranse á narrativa o testemuño de historiadores e de Manuel Reinaldo Loureiro Pérez, bisneto do fundador do primeiro almacén de salgadura de Castiñeiras. Deste xeito, abórdase o impacto desta industria na nosa vida dende distintas perspectivas: social, económica, cultural, urbanística e turística.
Centrándose na Pobra, todo isto debullouse nun diálogo posterior, pero antes, a edil Patricia Lojo quixo facer entrega dun ramo de flores como obsequio a Encarnación Castro, quen estaba presente como unha das convidadas a esta xornada.
A xornalista Ana Rial encargouse de modera-lo coloquio no que participaron Miguel Ángel Vidal Lojo, arqueólogo; José Manuel Vázquez Lijó, historiador; Victoria Villoch Vázquez, doutora en Prehistoria; José Ramón González Lago, xerente da conserveira Ramón Franco; Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa; e Lesmes Iglesias, director do documental. Deste xeito, trazouse unha liña cronolóxica, do pasado ao futuro, para falar do patrimonio marítimo, sendo o conxunto do barrio dos cataláns o máis destacado da Pobra; a conxugación de tradición e innovación na elaboración actual das conservas; os proxectos que ten o ente supramunicipal para o concello mediante a reconstrución virtual do referido barrio dos cataláns co uso das novas tecnoloxías; e o proceso de confección do documental para construír unha narrativa que emocionase.
Tras todo isto, dispúxose unha degustación de conservas a base de produtos do mar, maridados con viños da terra.