Friday 22 de November de 2024

O pleno de Paderne vota en contra dos orzamentos de 2,2 millóns co rexeitamento do PP e a abstención do BNG e do edil non adscrito


 O equipo de goberno iniciará unha nova quenda de negociacións para contar cunhas contas “que eviten o bloqueo do municipio”

O pleno do Concello de Paderne votou en contra dos orzamentos propostos polo equipo de goberno, de 2.286.729,62 euros. Durante o pleno extraordinario celebrado na tarde-noite deste venres, os cinco votos en contra do Partido Popular, unidos ás abstencións do BNG e do edil non adscrito, Salvador García, tombaron a proposta de investimentos e gastos do executivo municipal.
A pesares da quenda de negociacións aberta durante as últimas semanas para que todas as agrupacións aportasen as súas propostas á previsión de ingresos e gastos e as negociacións desenvolvidas, o pleno decidiu rexeitar uns orzamentos que o alcalde, Sergio Platas, calificou como “uns orzamentos sociais, que non son dun grupo político senón de toda a xente”.

Neste sentido, o edil de Economía, Ángel Germade, destacou o incremento en Servizos Sociais, que é 11% e se trata da partida máis importante deste documento, con 457.164 euros (o 20% do total). “Tamén a auga e o saneamento son outra das nosas prioridades. E o demostramos pasando de 40.000 a case 150.000 euros”, apuntou o responsable da área económica. Ademais, a partida destinada aos desbroces de camiños medraron un 119%.

Pola súa banda, o edil non adscrito, Salvador García, aproveitou a súa intervención para preguntar polo apartado de ingresos e cuestionar partidas concretas en materia de soldos dos traballadores e traballadoras municipais. O concelleiro do BNG, Xosé Manuel Pérez, preferiu non facer uso da súa quenda de palabra e o voceiro do PP, Pedro López, cuestionou o traballo do equipo de goberno e reprochou ao alcalde que durante a súa reunión, lle ofrecera un folio e un bolígrafo en branco. “Claro, para que aportase o que quixese”, respondeu Sergio Platas por alusións.

Nova quenda de negociacións

A pesares do rexeitamento aos orzamentos, o equipo de goberno iniciará desde “xa mesmo” unha nova quenda de negociacións para contar cuns orzamentos para evitar “bloquear” o municipio. “Agora mesmo non podemos ampliar nin dar máis altas novas no Servizo de Axuda do Fogar porque non hai orzamentos”, apuntou o rexedor ao finalizar o pleno municipal.