O salón de plenos lousamiá acolleu esta mañá a decimocuarta xuntanza da Mesa, presidida pola concelleira Silvia Agrafojo
O salón de plenos do Concello de Lousame acolleu a decimocuarta xuntanza da Mesa Local de Coordinación Institucional fronte a Violencia de Xénero, que estivo presidida por Silvia Agrafojo, concelleira Igualdade e Servizos Sociais. Unha reunión na que persoal técnico da asociación de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros, MISELA, presentou os recursos e protocolos da súa entidade na área de igualdade e prevención da violencia de xénero.
Silvia Agrafojo agradeceu a participación de MISELA nesta reunión “pois xa na anterior reunión de novembro pasado plantexamos a posibilidade de convidar a outros axentes sociais a participar nesta Mesa e resulta moi interesante coñecer tanto os recursos como as necesidades que teñen asociacións coma MISELA para tratar de coordinarnos e así seguir avanzando en materia de igualdade e na loita contra a violencia machista”.
Resto da reunión
Na reunión desta mañá participaron Manuela Vilaboy, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno; Pilar Cobas Cajuso, directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Julia Veiro Justo, psicóloga do CIM de Noia; Ángela Mª Costa Santos, enfermeira Centro de Saúde de Lousame; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; Cristina Rial, cabo do equipo VIOXÉN da Garda Civil de Noia; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade e secretaria da Mesa. Todas elas interviron para actualizar a información sobre as actuacións levadas a cabo no municipio.
Así mesmo, a Mesa informou sobre o estado da guía “Caixa de ferramentas”, cos diferetnes recursos de atención ás mulleres e promoción da igualdade que está a elaborar a Secretaría Xeral de Igualdade para o seu uso polas Mesas Locais e tomo coñecemento sobre as actuacións levadas a cabo no ámbito municipal de Lousame e as actividades realizadas na área de formación en prevención da violencia contra as mulleres.