Friday 22 de November de 2024

A casa do concello de Boqueixón acolle ata o 3 de xuño a mostra “Auga, o sangue da terra”, promovida por AFUNDACIÓN e ABANCA


Foi inaugurada polo concelleiro de Cultura, Gonzalo Redondo; a coordinadora da Área de Cultura de AFUNDACIÖN, Paloma Vela; e o coordinador institucional de ABANCA, José Manuel Vilariño

A Casa do Concello de Boqueixón acollerá ata o vindeiro 3 de xuño a exposición “Auga, o sangue da terra”, promovida por AFUNDACIÓN e ABANCA e que ten como obxectivo concienciar á sociedade sobre a importancia da auga e de non malgastar este escaso recurso natural. Unha mostra que foi inaugurada esta mañá por Gonzalo Redondo, concelleiro de Cultura de Boqueixón; Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta á Area de Cultura de AFUNDACIÖN; e José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador institucional de ABANCA.

Un acto inaugural no que estiveron acompañados por un grupo de escolares de 1º da ESO do CPI Antonio Orza Couto, acompañados polo seu director Ángel Manciñeiras, que foron os primeiros veciños e veciñas de Boqueixón que puideron visitar esta mostra. Unha exposición composta de 29 fotografías, de 60 x 90 centímetros, e que se complementa cun documental de 25 minutos, todo obra do artista e director de cine galego Manuel Valcárcel.

A auga, un ben escaso

Gonzalo Redondo agradeceu a AFUNDACIÓN e a ABANCA que escolleran Boqueixón para acoller unha exposición na que “podemos ver o impacto que ten a auga nas nosas vidas”, polo que recomendou á rapazada presente que “imos tratar de gastar menos auga cando nos duchamos, pechar a billa cando nos cepillemos os dentes, imos reciclar… pode que vos pareza pouca cousa pero dentro de cincuenta anos nós non estaremos aquí, pero vós si. E haberá que ver como vai ser isto”.

Un punto no que incidiu Paloma Vela, ao lembrar que “o obxectivo desta mostra é concienciar sobre a importancia da auga. Toda a auga que hai agora no planeta é toda a auga que vai haber sempre, non se incorpora nova auga ao circuíto, mentres que o número de habitantes segue medrando. A auga é un ben escaso que temos que coidar entre todos porque é fundamental para a vida”. Así mesmo, salientou que desde AFUNDACIÓN “estamos convencidos de que a cultura é unha ferramenta para crecer como persoas porque da man da cultura viaxamos cara nós mesmos, para coñecernos un pouco mellor, e cara outros, para coñecer mellor outras sociedades ou o mundo no que vivimos. Un exemplo é esta exposición, que nos permite viaxar sen movernos de Boqueixón”.

Finalmente, José Manuel Vilariño salientou que dende ABANCA “pretendemos facer chegar a cultura ao rural e ás pequenas localidades. Non só con lemas, que quedan moi ben, senón demostrándoo traendo esta exposición a Boqueixón”. Sobre a mostra, o coordinador institucional de ABANCA destacou que “vivimos nunha zona con abundancia de auga pero tamén é importante ter en contra o que está pasando noutros sitios e tratar de buscar a sostibilidade”.

“Auga, o sangue da terra”, é un proxecto do artista Manuel Valcárcel que amosa a relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes, dende lugares remotos como Nova Zelandia, a India ou China, ata outros máis próximos como a conca do río Lor en Lugo. O propio Valcárcel cualifica a auga como “elemento vital que debemos coidar e protexer porque marcará o devir das xeracións vindeiras. Non malgastemos esforzo e diñeiro en buscar un mundo mellor noutros planetas, este é o noso, onde nacemos e onde morreremos, debemos respectalo e coidalo”.

A exposición consta dun total de 29 fotografías de gran formato, 60 x 90 centímetros, e están expostas por toda a casa consistorial. A iniciativa compleméntase cun documental de 25 minutos. “Auga, o sangue da terra” poderá visitarse en Boqueixón do 10 de maio ao 3 de xuño.