Na senda de seguir a favorece-la compatibilización da vida persoal e laboral das familias, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal lanza un obradoiro de conciliación para o 20 de maio.
Como xa é habitual, este transcorrerá no CEP Salustiano Rey Eiras, no horario das 09.00 ás 14.00 horas. O importe establécese nos 3 euros por nena/neno, cun desconto do 50 % á segunda irmá ou irmán e de balde para a/o terceira/o.
A maiores, as familias poderán optar aos servizos de Madruga e de Comedor, dos cales cómpre consulta-las condicións.
“Esta é unha mostra máis da aposta da Administración local en materia de conciliación dirixida ás crianzas da infantil e da primaria para os días non lectivos, ademais dos obradoiros que poñemos en marcha nas vacacións do verán”, salienta a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos.
A data límite de inscrición é o 15 de maio. O trámite pódese formalizar a través do Departamento da Igualdade, situado fronte á casa do concello, no teléfono de contacto 981832764, coa extensión 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.
Polas tardes refórzase a conciliación co Espazo de Coidados Corresponsables, o cal leva en funcionamento dende o inicio do curso no mencionado centro educativo, de luns a venres, das 16.00 ás 21.00 horas. Trátase dun servizo municipal de balde suxeito a un mínimo de participantes.
Ámbalas propostas atópanse ao abeiro do Plan Corresponsables cofinanciado polo Ministerio da Igualdade.