O concelleiro Gonzalo Castro participou no acto que tivo lugar na contorna da Torre de Hércules
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, e responsable da área de Cultura, Gonzalo Castro, participou esta mañá na celebración da XXIV edición do Correlingua, que se desenvolveu entre a explanada do Palacio dos Deportes e a contorna da Torre de Hércules. O obxectivo desta xornada é o fomento do uso da lingua galega entre as xeracións máis novas, algo que se estende ao resto do ano con diferentes iniciativas levadas a cabo nos centros de ensino.
“Hoxe estamos todos aquí por un obxectivo común: amosar o noso compromiso pola lingua galega, un patrimonio de valor incalculable e que debemos coidar con agarimo desde que somos pequenos”, sinalou Castro, que puxo en valor o fomento que fai o Goberno de Inés Rey do galego a través de diferentes iniciativas e medidas, como a aprobación dunha ordenanza que regula o seu uso no eido institucional.
Na xornada participaron preto dun milleiro de alumnos e alumnas de 17 centros de toda a comarca da Coruña, procedentes dos concellos de Arteixo, A Laracha, Cambre, Bergondo, Cabana de Bergantiños, Carral, Cerceda e Oleiros, ademais da propia cidade. O XXIV Correlingua leva por lema ‘Dende aquí até acolá, galego xa!’ e conta cun cartel realizado pola ilustradora Xulia Pisón.
As persoas participantes percorreron a pe o paseo marítimo, entre a explanada do Palacio dos Deportes e a Torre de Hércules, onde se instalou un escenario no que se desenvolveron actuacións para todas as idades e se entregaron distintos premios.