O paseo marítimo de Xuvia será, por terceiro ano, escenario dunha das xornadas, neste caso a décimo sexta, da “Liga Atlántica Billarda 23-24”. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, recordou que o Concello colabora neste evento, organizado polo Club APB A Laracha, entre cuxos integrantes hai veciños de Narón, e a Federación Galega de Deportes Autóctonos. A Liga disputarase no paseo de Xuvia a partir das 11:00 horas.
O presidente do Club APB A Laracha, Roi Rey, explicou que participarán na convocatoria unha media de 65 persoas nas diferentes categorías: absoluta, feminina, masculina, infantil e por equipos. Rey asegurou que a convocatoria, que se celebrou nos anos 2021 e 2022 en Narón, se concebiu a modo de “transmitir este deporte galego a todas as xeracións que non o desfrutaron” e indicou que actualmente no club teñen xogadoras e xogadores de entre 5 e 80 anos de ata tres xeracións diferentes: avós, fillos e netos.
O edil de Deportes destacou a importancia de que “dende hai uns anos a billarda se considere un deporte federado, co que iso supón de cara a fomentar e manter un dos xogos máis populares de Galicia, permitindo poñelo en valor”. Santalla animou ás veciñas e veciños a achegarse a Xuvia o domingo para desfrutar desta competición.