Monday 02 de December de 2024

A Xunta de Galicia adquirirá os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña tras exercer o dereito de tanteo


— O obxectivo de Goberno galego é restauralos e poñelos a disposición da cidadanía, para o que se está avaliando a posibilidade de trasladalos ao Museo de Belas Artes da Coruña

— A Lei de Patrimonio Cultural recolle este dereito de adquisición preferente para aqueles bens que contan co máximo nivel de protección

— A Administración autonómica iniciou en marzo o proceso para declarar Ben de Interese Cultural este conxunto mural pola súa calidade e contexto artístico

A Xunta de Galicia adquirirá os murais de Urbano Lugrís localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos da Coruña tras presentar no Xulgado Mercantil número 3 da Coruña a resolución para exercer o dereito de tanteo. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude exerce así o seu dereito de adquisición preferente, recollido na Lei de Patrimonio Cultural para aqueles bens que contan co máximo nivel de protección, igualando a oferta de 36.000€ feita por un particular.
O obxectivo desta adquisición é protexer e restaurar o conxunto mural para poñelo a disposición da cidadanía. Para iso, o Goberno galego avaliará a posibilidade de trasladalos ao Museo de Belas Artes da Coruña, tendo en conta o interese común por manter as obras na cidade, a importancia de que non se disgreguen e se manteñan xuntas no futuro, así como a posibilidade de que sexan públicas, garantindo o acceso á cidadanía en calquera situación.
Cómpre lembrar que o Diario Oficial de Galicia publicou en marzo a incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña. A Administración autonómica iniciou así o procedemento para outorgarlle a máxima protección patrimonial ao conxunto mural feito polo pintor coruñés logo de recibir os informes realizados polos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e do Concello da Coruña.
Á hora de incoar o expediente -o que supón xa a protección inmediata do ben- os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valoraron que as obras que compoñen o conxunto mural merecen formar parte do patrimonio cultural máis significativo de Galicia pola súa calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.
Así mesmo, o expediente inclúe tamén a calidade e complexidade destas obras que contan cun carácter excepcional dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís ao no conservarse ningún conxunto desta natureza que sexa testemuño do nivel que chegou a adquirir o artista no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores.

Antigo Restaurante Fornos
O conxunto mural da rúa Olmos está composto por unha ducia de pezas que formaban parte do antigo local de hostalaría que ocupaba os andares baixo e primeiro de ambos inmobles. O pintor deseñou estas pinturas para o Restaurante Fornos, un popular local que forma parte da identidade coruñesa e da súa memoria social que xa existía no século XIX.

Trátase de pezas que presentan diferentes estados de conservación e nas que se representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, sereas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns ou panorámicas da cidade, entre outros temas. Así, entre os elementos que aparecen representados destacan a Torre de Hércules, a antiga Comandancia da Mariña da Coruña ou o Castelo de San Antón.