A relación entre as herbas e a cultura do barro é o fío condutor dunha actividade interxeneracional senlleira na que participan persoas de máis de 65 anos e escolares. Estes días estiveron no colexio de Nós, na primeira das sesións previstas polo Concello.
Primeiro na aula, as participantes no obradoiro municipal Oleiros na Memoria impartiron a sesión nunha dinámica de grupo, que foi seguida doutra clase sobre o mundo da olería. As herbas da primavera e San Xoán, como localizalas, traballalas segundo a forma, a textura e a cor, identificar as flores de cada unha, as súas utilidades, as lendas de San Xoán son contidos que se mesturan coa experiencia do barro, a través dunha actividade denominada “de transferencia” do barro, que consiste en “traducir” determinadas formas a este material para obter un obxecto determinado.
A actividade realízase a través dos Servizos Sociais do Concello, dentro dos programas de envellecemento activo para as persoas maiores de 65 anos.