A festa das culturas mariñeiras terá lugar en Ribeira entre os días 17 e 20 de xullo de 2025
Corría o ano 1993 cando se levantaron en Ribeira as velas de varios tipos de embarcacións tradicionais galegas, dando lugar á primeira edición dun festival cultural internacional totalmente arraigado no presente, que con carácter bienal se realiza de forma itinerante, parando en diferentes localidades costeiras galegas que, como requisito, deberán contar cunha asociación cultural dedicada á salvagarda das embarcacións tradicionais e inscrita na Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial, CULTURMAR, organizadora do evento. 32 anos despois, esas velas volverán a levantarse en Ribeira entre o 17 e o 20 de xullo de 2025 con motivo da décimo sétima edición do Encontro de Buques Tradicionais de Galicia.
O alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, acompañado do seu homólogo de Pasaia, Teo Alberro Bilbao, detallou hoxe os aspectos máis relevantes desta nova edición do Encontro, aproveitando para convidar ao rexedor de Pasaia ao acto. Ademais, gabou a organización e calidade do Itsas Festibala, da que sacará experiencias para mellorar as expectativas do XVII Encontro.
“Este evento representa unha homenaxe á nosa herdanza marítima pero tamén mostra a nosa identidade cultural. É para min un orgullo ver como os Encontros volven ás súas orixes 32 anos despois.” destacou o alcalde Luís Pérez na presentación de hoxe. “Ribeira foi a localidade que viu nacer este evento en 1993 e volverá ser a súa casa no ano 2025 mostrando ese compromiso inquebrantable polo mar. Grazas á Confraría da Dorna ou Culturmar que tanto esforzo fixeron ao longo da súa historia para fortalecer esas tradicións e esa conexión que temos co mar.”
Pola súa banda, o alcalde de Pasaia agradeceu a visita do seu homólogo de Ribeira, quen tamén aproveitou para explicar as claves do éxito da Festa da Dorna, un evento lúdico cultural arredor da dorna, declarado Ben de Interese Turístico de Galicia, cuxa primeira edición tivo lugar en 1948.