Salvamento Marítimo incorporará á súa flota en próximas datas un novo buque co nome Heroínas de Sálvora. Trátase dun remolcador de altura, especializado no salvamento de vidas humanas no mar, remolque e loita contra a contaminación. Dada a nomenclatura deste barco, o Concello de Ribeira fixo as xestións pertinentes para solicitar a Salvamento Marítimo unha escala no municipio cando parta dende a cornixa cantábrica con rumbo ás Illas Canarias.
“Consideramos que, debido ao nome deste remolcador, sería excepcional que a sociedade ribeirense tivese a oportunidade de poder ver de preto este magnífico barco cunha escala no noso concello. Tamén sería interesante a posibilidade dunha xornada de portas abertas que permitise explorar as innovacións das que dispón este navío. Por todo isto, trasladamos esta petición a Salvamento Marítimo”, declara o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes. Unha solicitude que acada máis relevancia dado que no 18 de maio é o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo, data que o Departamento de Mar quere conmemorar cun programa de actividades.
“Gustaríanos poder incluír a parada deste barco no municipio dentro das actividades que estamos preparando. É moi significativo para o conxunto dos ribeirenses a nomenclatura deste navío. Cremos que non hai mellor denominación para o obxectivo marcado deste buque nas augas”, indica Abraldes.
María Fernández, Cipriana Oujo, Josefa Parada e Cipriana Crujeiras foron as catro mulleres que salvaron a vida de 56 das 269 persoas que viaxaban no vapor-correo Santa Isabel cando embarrancou fronte a costa de Sálvora, na noite do 2 de xaneiro de 1921.
O novo remolcador ten 82’35 metros de eslora e 18 de manga e converterase no primeiro buque que poderá operar con drons na busca no mar. Astilleros Zamakona, en Santurce, foi a factoría encargada da construción deste buque con base no porto de Tenerife.
“Estamos moi contentos de que un buque desa envergadura poida levar o nome das Heroínas de Sálvora” destacou o alcalde Luís Pérez. “É por iso que dende o Concello quixemos facer esta petición á autoridade portuaria de Vilagarcía e á delegación do Goberno en Galiza para poder facer unha xornada de portas abertas no noso peirao. Agardamos que esta petición teña boa aceptación e que o buque poida facer unha parada no Concello antes de que chegue ás Canarias.”