Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda iluminarase de lila este domingo con motivo do Día da Fibromialxia


A fachada da Casa consistorial de Neda tinguirase de lila este domingo, 12 de maio, Día Internacional da Fibromialxia e a fatiga crónica. Unha iniciativa coa que o Concello busca dar visibilidade a esta enfermidade e ao labor que desenvolve a asociación Affinor en favor das persoas que a padecen. A doenza afecta ao 2,45% da poboación e ten unha maior prevalencia nas mulleres.

Con motivo da conmemoración, o Concello está a compartir material informativo da asociación para dar a coñecer os sinais de alerta da fibromialxia (dor xeneralizada, rixidez matinal, fatiga, trastornos do sono, alteracións cognitivas, depresión, ansiedade, hipersensibilidade á luz e aos sons). Son pois síntomas que impactan de forma directa na vida diaria dos persoas enfermas.

As persoas que padezan esta patoloxía  -unha “hipersensibilización do sistema nervioso central”- e precisen apoio ou asesoramento poden contactar con Affinor a través do teléfono 611 674 099 ou do correo affinorferrol@hotmail.com.