A Casa da Cultura acolleu este martes unha charla dirixida á mocidade co obxectivo de facela reflexionar sobre o drama da emigración forzada e desesperada por causa das guerras, tomando como referente máis próximo e actual o éxodo Sirio cara a Europa. O fotógrafo Gabriel Tizón coñéceo ben porque o viviu en primeira persoa como xornalista gráfico e, ademais, como impulsor canda á súa compañeira dun proxecto co que tentan axudar no que poden a paliar unha grave situación que bate coa pasividade dos gobernos e a indiferenza dos medios.
Tizón iniciou o encontro coa rapazada da ESO de San Sadurniño contándolle como se convertera en fotógrafo. Con 15 anos quedou cautivado pola maxia que se producía durante o proceso de revelado, por como a mirada de quen sabe mirar a través dunha cámara pode trasladarse ao papel a modo de interpretación da realidade. Aos seus 42 anos leva percorrido como fotoxornalista medio mundo, poñendo o ollo empático sobre paisaxes, conflitos, desastres naturais e, máis que nada, sobre as persoas.
Un dos seus últimos proxectos olla a emigración cara a Europa motivada por conflitos bélicos e pola situación sociopolítica en lugares como, por exemplo Afganistán ou Siria. En especial Siria. Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana percorreron sete países -desde Turquía até Austria- compartindo penurias e experiencias de quen foxe da guerra civil e da ameaza do Daesh nese país.
Unha primeira viaxe á que despois lle seguirían outras dúas á illa grega de Lesbos, onde o mar leva cobrado a vida de centos de persoas. Fotografía e traballo humanitario, traballo humanitario e fotografía xuntos nun proxecto denominado “Muros” do que xurdiron unha exposición, un libro e tamén un documental. A iniciativa ten dúas vertentes, por unha banda “visibilizar as dimensións do problema” e por outra “botar unha man para alivialo na medida do posible”, apunta Tizón.
O obxectivo da charla impartida para o alumnado do colexio foi, segundo o fotógrafo ferrolán, o de “compartir as miñas vivencias, o que vin e que os nenos e nenas pregunten polo que non se lles conta. Confórmome con que se interesen polo que está pasando e cales son as súas dimensións”. Gabriel Tizón achegou como dato que en Turquía hai arredor de 5 millóns de persoas “dispostas a xogar a vida nunha balsa” e que só en 2015 morreron afogadas máis de 4.000.
Buscan entrar Europa na procura da seguridade que non teñen no seu país de orixe, non co interese de quedar indefinidamente. “Teñen clara a súa identidade, a súa cultura e as súas tradicións e tamén teñen clarísimo que cando poidan volverán á súa terra”, explica Tizón. O camiño non é doado nin se vislumbra unha solución a medio ou curto prazo. Para el a fin a esta crise “ten que vir desde arriba”, desde os gobernos que, segundo di “deberían dimitir, pedir disculpas porque son millóns de persoas as que están sufrindo. Aquí hai un negocio detrás, a xente que vén de Siria faino por culpa dunha guerra por intereses económicos, neste caso o petróleo”.
Gabriel Tizón lamenta que o problema dos refuxiados xa non ocupe as portadas de meses atrás. “Onte mesmo -polo luns- morreron no mar 165 persoas ¿sabiádelo?, seguramente non porque non sae nos telexornais”. Considera fundamental manter de actualidade o problema e tamén poñerse no lugar de quen chega. “Todo o mundo é protagonista disto menos eles, Merkel coas súas decisións, Rajoy… pero non falamos deles e delas: quen son, como se chaman, que fan, que pensan. O que máis me impresionou foi a súa calidade humana, a súa educación. A pesar das trampas que atopan no camiño aínda sorrín. Están pasando por todo tipo de barbaridades e cunha simple aperta xa lles chega para cargarse de enerxía”.