Friday 22 de November de 2024

Román Rodríguez felicita os participantes no V Certame de Servizo de Cervexa Estrella Galicia pola alta cualificación acadada nos seus estudos de FP


— O conselleiro de Educación agradece o apoio da compañía a estas ensinanzas, tanto a través da formación en empresa como de iniciativas coma esta

— Así mesmo, colabora con dous proxectos de FP Dual, en Mecatrónica Industrial e en Química Industrial

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asistiu hoxe ao V Certame de Servizo de Cervexa Estrella Galicia Escolas de Hostalaría de Galicia, onde felicitou o alumnado participante pola alta cualificación acadada nos seus estudos de FP e demostrada neste concurso.
Cómpre destacar que, froito da calidade desta formación, unha alumna do Centro Integrado de FP Paseo das Pontes, Maite Carreira, proclamouse gañadora X Campionato de Tiraxe de Cervexa Estrella Galicia celebrado no Fórum Gastronómico o pasado mes de abril e competirá na final nacional deste certame.
O titular do departamento educativo da Xunta quixo agradecer tamén o apoio de Estrella Galicia ás ensinanzas de FP, non só a través da formación que ofertan nos seus centros de traballo, senón tamén colaborando de xeito directo en dous proxectos de FP Dual, un en Mecatrónica Industrial (co CIFP Universidade Laboral, de Culleredo) e outro de Química Industrial (do IES A Sardiñeira, da Coruña). Ademais, a compañía vén de confirmar que asumirá o custo e a xestión da alta na Seguridade Social do alumnado de FP que incorpore a partir de agora a empresa.
Centros de toda Galicia
A empresa galega tamén impartiu impartiron nos últimos meses en varios centros un curso para fomentar o coñecemento e as dinámicas do servizo de cervexa entre o alumnado dos ciclos da familia profesional da Hostalaría. Precisamente os participantes no certame foron seleccionados entre os que realizaron este curso.

Son, en total, 17 rapazas e rapaces dos Centros Integrados de FP Paseo das Pontes (A Coruña), Fraga do Eume (Pontedeume), Compostela (Santiago), Manuel Antonio (Vigo), Carlos Oroza (Pontevedra) e de Vilamarín (Vilamarín), do Instituto de Foz, do Centro Belarmino Fernández Iglesias (Sober) e da Escola de Especialidades da Estación Naval da Graña (ESENGRA).
O xurado avalía tanto o coñecemento teórico como o servizo de cervexa, tanto de barril como de botella, entre outros aspectos, e está constituído por destacados profesionais vencellados aos servizos de restauración.