A Plataforma de Contratación co Sector Público activou hai uns días o anuncio da licitacióncorrespondente ao servizo de socorrismo e mantemento da piscina municipal de San Sadurniño. Un contrato que ten un prezo de partida de 41.322,31 euros máis IVE -que as empresas poderán rebaixar nas súas ofertas- para un período de vixencia inicial de 2 anos, prorrogables por outros dous máis. A adxudicataria deberá ocuparse da vixilancia do correcto funcionamento das instalacións asociadas ao vaso, ademais de velar pola seguridade dos e das bañistas. O prazo para presentar propostas técnicas e económicas finaliza o próximo 18 de maio, xa que a piscina deberá estar operativa para iniciar a temporada a mediados do mes de xuño.
Os cometidos descritos nos pregos serán o de ofrecer o servizo de socorrismo, salvamento e primeiros auxilios, ademais da posta a punto e mantemento permanente do sistema de depuración e tratamento da auga do vaso. Tamén entrarían, entre outros, a limpeza e mantemento de duchas, vestiarios e baños da piscina, o control do acceso e o rexistro e envío de datos á plataforma SILOE, que é o sistema de información do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.
O procedemento de selección atenderá a varios criterios. Un deles será o do prezo, outorgando ata 80 puntos pola redución da contía que deberá aboar o Concello polos servizos prestados, que han de estar comprendidos entre o 14 de xuño e o 8 de setembro -ambos incluídos-, tendo en conta que a adxudicataria deberá facerse cargo das instalacións desde o momento mesmo da sinatura do contrato, de cara á súa posta en marcha.
Outros 20 puntos como máximo poderán obterse pola ampliación nos horarios de apertura e de peche -sen exceder os 30 minutos-, que están establecidos nos pregos entre as 15:00 e as 21:00h de luns a venres e de 11:00 a 14:00h nos días en que se desenvolvan cursos. Os sábados e domingos o horario está fixado entre as 12:00h e as 21:00h.
Se houbese ofertas empatadas aplicarase como principal criterio de desempate a acreditación do número de persoas traballadoras fixas con discapacidade ou en situación de exclusión social. Se aínda así persistise o empate, daráselle prioridade á empresa que inclúa medidas de carácter social e laboral encamiñadas a favorecer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
O prezo estipulado como base das ofertas é de 41.322,31 euros máis IVE para unha vixencia inicial de dous anos, ampliables por outros dous máis por acordo das partes.
O anuncio coa licitación publicouse a principios deste mes de maio na Plataforma de Contratación co Sector Público, dándo até as 23:59h do día 18 de maio para que as empresas interesadas rexistren as súas propostas por vía electrónica.