O rural segue a dinamizarse na Pobra do Caramiñal con novas actividades. Á creación do xardín veciñal, o exercicio terapéutico baseado no tai-chi e os obradoiros de artesanía Feito coas túas mans súmanse agora uns cursos de arte floral que pon en marcha a Concellaría da Participación Veciñal.
Estas accións de balde impartiranse a cargo de profesionais das florarías, nos centros socioculturais do Campiño e da Ribeiriña. Nos días 20, 21, 27 e 28 de maio terán lugar no Campiño, mentres que ós martes do mes de xuño será na Ribeiriña. En ámbolos casos, o horario abrangue das 18.00 ás 20.00 horas.
“Continuamos así no camiño de revitaliza-los nosos núcleos rurais mediante propostas de lecer que tamén buscan crear un espazo de encontro para a veciñanza. E, a través destes talleres, queremos potencia-la súa creatividade. Agora, no verán, realizaranse arranxos florais con cores e especies de tempada. Se teñen boa acollida, a nosa intención é darlles continuidade tamén no inverno focalizándonos na creación de adornos vexetais para o Nadal”, apunta a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo.
As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa no enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com, a partir do día 10. Deberanse proporciona-los seguintes datos: o nome, os apelidos, o DNI e o teléfono de contacto. O material deberano trae-las persoas participantes. Só é posible anotarse nun dos cursos.