Friday 22 de November de 2024

A veciña de Laxe Lola Rontano presentará a súa segunda obra este domingo no Museo do Mar


• A peza, ‘Esperta do teu sono’, fala do conflito da mina de Corcoesto con Vila Amparo como testemuña de curiosas mortes

• A actividade está enmarcada na programación cultural de maio, que incluirá outras sesións centradas na conmemoración do Día das Letras Galegas

O Concello de Laxe, a través da concellería de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, aposta polo talento local para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Farao coa presentación do libro ‘Esperta do teu sono’, de Lola Rontano, veciña de Laxe desde o 2005, o día 18 de maio ás 18:00 horas. A peza trata sobre o conflito da mina de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, para presentar, en clave de ficción, unha mestura de ecoloxía, desobedencia civil, loita pola terra e solidariedade.

Trátase da segunda novela da autora, que recibiu o XXX premio Torrente Ballester pola súa primeira obra, ‘Austroatlántica’.

A concelleira de Cultura, Raquel Lema, destacou que se trata “dunha actividade que busca poñer en valor o papel dos nosos autores locais, coma Lola Rontano, neste Mes das Letras Galegas” e completou que “sempre é un orgullo ver como a nosa terra é protagonista de historias e lendas”.