Friday 22 de November de 2024

Tres citas en San Sadurniño con motivo das Letras Galegas


A poeta Yolanda Castaño participará o mércores nun encontro literario arredor da figura de Luísa Villalta, protagonista do 17 de Maio

Poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, tradutora, violinista…, na figura de Luísa Villalta (1957-2004) couberon todas estas disciplinas, enfiadas pola musicalidade da súa escrita, o universo da cidade da Coruña, o feminismo e o seu compromiso co país, manifestado non só a través da creación, senón tamén do activismo social e cultural. A ela dedícanselle neste 2024 as Letras Galegas, unha data para a que en San Sadurniño se organizaron tres actividades principais: un encontro coa tamén poeta Yolanda Castaño, previsto para a mañá do mércores 15 na Casa da Cultura, o espectáculo gratuíto “A maxia das nosas letras” co Mago Teto -o xoves 16 ás 18:30h- e, xa para a outra semana, o martes 21 pola mañá, o “Consertasso na horta” que lle ofrecerá Brais das Hortas á cativería do CPI e da EIM A Rolada.

Yolanda Castaño -Premio Nacional de Poesía 2023-, malia ser doutra xeración, coincidiu con Villalta no movemento literario dos 90 e principios deste século, do que xurdiría a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, e, ademais diso, é boa coñecedora da vida e obra da autora homenaxeada.

No encontro que terá lugar na Casa da Cultura o mércores a partir das 11:00h repasarase a dimensión literaria e persoal de Luísa Villalta, leranse poemas e tamén se falará sobre a situación actual da lingua e da creación galega. O acto, no que participará o club de lectura de San Sadurniño, é aberto ao público e encádrase na programación da Biblioteca Municipal desenvolvida dentro do Ler Conta Moito da Consellería de Cultura.

Ao día seguinte, o xoves 16 ás 18:30h, Cultura programou “A maxia das nosas letras” co Mago Teto. O ilusionista ourensán afonda neste novo espectáculo na dinamización e promoción da lingua galega chegando agora á literatura contemporánea. Partindo da Longa Noite de Pedra achéganos ás escritoras e escritores máis recentes, con xogos abraiantes sobre a obra de autores como Manuel Rivas, Vidal Bolaño ou Luísa Villata.

Trátase dunha proposta con entrada gratuita dirixida a público familiar que emprega a maxia e a literatura para amosar o galego como unha lingua atractiva, moderna, divertida “que debemos empregar en todos os ámbitos da nosa vida cotiá” ligada a obras e exemplos de éxito.

Trala paréntese festiva do 17 de Maio e da fin de semana chegará a última das citas promovidas pola área de Cultura por medio da Biblioteca Municipal. Así, o martes 21 ás 11:00h o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o “Consertasso na horta” do polifacético Brais das Hortas.

Neste caso o programa diríxese exclusivamente ao alumnado máis pequeno do colexio público e tamén ao da Escola Infantil Municipal A Rolada, quen gozarán durante unha hora dun espectáculo musical con moito humor, frescura e interacción co público. “Grelos e temassos do máis variado dun ecosistema musical diverso e saudable” no que atoparemos unha pulga punk, cabras que tiran ao monte e caracois que reivindican o reggae entre “guitarrazos, charangazos e instrumentazos”.