Friday 22 de November de 2024

O alcalde e a deputada provincial de infraestructuras viarias analizan na Laracha as actuacións prioritarias a realizar nas estradas da Deputación


O rexedor trasladoulle a plena disposición de colaborar entre administracións para beneficio xeral da cidadanía.

A deputada provincial responsable das áreas de Infraestruturas Viarias e Obras, Mónica Rodríguez, visitou hoxe A Laracha para manter unha reunión co alcalde, José Manuel López Varela, na que o rexedor lle trasladou as actuacións prioritarias a realizar nas vías de titularidade da Deputación que discorren polo municipio para facilitar as comunicacións e aumentar a seguridade.
López Varela explicoulle a Mónica Rodríguez que no núcleo urbano da Laracha a vía que require dunha intervención preferente é a Avenida López Astray (tramo urbano da DP-1913) co obxecto de reorganizar os espazos para un máis óptimo aproveitamento das zonas peonís, de tránsito rodado e de aparcamento.
Outra vía que require dunha mellora é a rúa Santa Lucía (tramo urbano da DP-2404), unha das zonas residenciais e comerciais máis importantes da Laracha e situada xunto ao centro médico e punto de atención continuada.

Ademais, expúxose a problemática actual da DP-1913 en todo o seu trazado desde a saída do núcleo urbano da Laracha ata o cruce da canteira, pasando polas parroquias de Torás, Lestón, Coiro e Soandres. Trátase dunha estrada vertebradora das comunicacións ao dirixir ao aeroporto de Alvedro e á cidade da Coruña pola terceira rolda, e tamén forma parte do eixo industrial da Laracha con Culleredo e Cerceda. A plataforma da calzada é reducida para o volume de tráfico que soporta, os carrís non están separados por marcas viarias e non dispón de espazos diferenciados para o tránsito peonil nin beiravías.

A comitiva, tamén formada por concelleiros da Corporación municipal e persoal técnico da administración provincial, visitou as tres estradas da Deputación para coñecer de primeira man o seu estado actual.

O alcalde agradeceulle á deputada provincial a súa visita á Laracha para interesarse polas propostas do Concello e mostroulle a plena disposición de colaborar entre as administracións para mellorar as infraestruturas viarias para beneficio xeral da cidadanía.