Friday 22 de November de 2024

O concello festexará as Letras Galegas con unha ampla programación municipal


Tamén haberá espectáculos infantís e protagonismo para as clausuras de cursos do programa cultural municipal.

O Concello presenta a programación municipal que se vai realizar en conmemoración do Día das Letras Galegas, este ano dedicado á autora coruñesa Luísa Villalta.

O acto central será o concerto de De Vacas do sábado 18 de maio a partir das 22:00 horas na praza Les Sables d’Olonne. Na Laracha ofrecerán o seu novo espectáculo titulado “Rebovina Divas Live”, no que homenaxean ás divas do pop co seu peculiar estilo, versionando á galega temas comerciais de Whitney Houston, Céline Dion ou Beyoncé, entre outras.

O día seguinte, o domingo desde as 18:00 horas, será a quenda para que as asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión deleiten ao público cun espectáculo de música e baile tradicionais galegos, tamén na praza Les Sables d’Olonne, na que é unha das citas imprescindibles de cada ano nesta programación municipal.

Como propostas para o público infantil e familiar haberá tres contacontos teatralizados, todos eles con inicio ás 18:00 horas, pensados para maiores de catro anos de idade e con entrada libre e gratuíta para o público.

O primeiro será o xoves 16 na biblioteca de Paiosaco con “Tinta do mar. Pequena biografía sobre Luísa Villalta”, da compañía Polo Correo do Vento. Realizarase unha versión adaptada da biografía da autora mentres o ilustrador fará un mural e o músico interpretará temas orixinais vinculados a Luísa Villalta. A continuación farase un obradoiro no que, seguindo as indicacións do ilustrador, o publico asistente debuxará unha caricatura do protagonista da historia.

 

O luns 20 a Casa da Cultura da Laracha acollerá “De Castro a Villalta”, de A Xanela do Maxín, espectáculo que pon en valor o legado das seis mulleres homenaxeadas nas Letras Galegas, desde Rosalía de Castro a Luísa Villalta.

E o 24 de maio na biblioteca de Caión ofrecerase o contacontos didáctico musicado “Rosalía Cantareira!”, de Jara Ortiz, que porá en valor a faceta máis descoñecida e interesante de Rosalía de Castro.

O programa en torno ao Día das Letras Galegas tamén dará protagonismo ás persoas participantes en actividades do programa municipal 2023-2024 que se vén desenvolvendo desde o pasado mes de outubro e que agora finaliza.

A clausura do curso de teatro farase con dúas funcións. O venres 17 as 18:00 h o grupo infantil porá en escena a obra O club antimachotes e o sábado 18 ás 19:00 h o grupo de adultos presentará Risoterapia. En ambos casos será na Casa da Cultura a entrada é gratuíta.

Ademais faranse as tradicionais exposicións dos traballos dos alumnos participantes nos cursos de manualidades, macramé, labores de tecido, encaixe de palillos e restauración e tapicería. A da Laracha será no baixo da biblioteca do 17 ao 21 en horario de 17:00 a 21:00 h. As de Paiosaco (centro sociocultural) e Caión (oficina de turismo) estarán abertas do 24 ao 26, de 17:00 a 20:00 h.

Na organización deste programa o Concello conta coa colaboración da Dirección xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito para a Rede de Bibliotecas de Galicia, e tamén da Deputación Provincial da Coruña.