Atendendo ás demandas veciñais, o Concello volveu reclamar á empresa Telefónica a instalación do servizo de fibra na rúa da Veiga e en parte da avenida Salvador Allende, actualmente sen ningún tipo de servizo de telecomunicacións. O Concello, aínda non tendo competencias neste ámbito pero consciente do grave problema que se lle crea á cidadanía pola carencia destes servizos básicos, leva anos reclamando ás compañías a instalación de fibra óptica en todas as zonas urbanas do municipio.
Por decisión de anteriores Gobernos centrais, os servizos de internet e telefonía son privados. As empresas que prestan estes servizos, baixo o amparo de leis e normas estatais e autonómicas feitas para o seu beneficio por políticos que anos despois pasan a ocupar cargos directivos nesas compañías, actúan cun desprezo total cara cidadáns. O desleixo tamén o sofren as administracións públicas locais, provocando importantes retrasos na realización de obras nas que resulta necesario eliminar ou desprazar postes.
Algo similar sucede no caso concreto da rúa da Veiga onde os veciños levan meses agardando a colocación duns postes polos que pode pasar o cable de fibra óptica. Non é de recibo que unha rúa nunha zona totalmente urbana quede illada.