Friday 22 de November de 2024

Gonzalo Castro reivindica a defensa da democracia e dos dereitos humanos no Día de homenaxe ás vítimas do exilio republicano


O concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade visitou xunto ao delegado e á subdelegada do Goberno a Casa Museo Casares Quiroga

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, levou a cabo unha visita guiada pola Casa Museo Casares Quiroga acompañado de Pedro Blanco, delegado do Goberno, e María Rivas, subdelegada do Goberno. O motivo do acto foi a conmemoración do Día de homenaxe ás vítimas do exilio republicano, que se celebra este 8 de maio.

“Polo seu significado, esta é a casa de todos os que defendemos a democracia e os dereitos humanos, un lugar que nos fai reflexionar sobre feitos que non deberían volver a pasar”, sinalou o concelleiro, que agradeceu en nome da alcaldesa, Inés Rey, a presenza neste acto dos principais representantes do Estado en Galicia. “Fai falta reforzar a convicción na defensa dos dereitos universais en días como o que conmemoramos hoxe”, indicou.

As autoridades levaron a cabo un percorrido guiado polas principais estancias desta casa museo municipal. O edificio, adquirido no 2001 polo Concello, ten coma obxectivos levar a cabo exposicións e iniciativas en recordo de Santiago Casares Quiroga e o republicanismo coruñés e galego.