Friday 22 de November de 2024

En marcha: Programa de ocio alternativo para a mocidade do Concello de Ribeira


O concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, e a concelleira de Xuventude, Antía Alberte, presentaron hoxe o programa de ocio alternativo para a mocidade de Ribeira e impulsado dende as concellerías de Deporte e Xuventude. Na presentación tamén estiveron presentes os concelleiros Fernando Abraldes e Francisco Suárez-Puerta.

O programa En Marcha pretende dar alternativas de ocupación do tempo libre á xuventude do municipio, favorecerase a interrelación e coñecemento entre mozos e mozas, posibilitándolles espazos de encontro ao aire libre onde intercambiar experiencias e intereses mutuos.

Segundo informou Xabier Vidal, as actividades incluídas no programa son; rafting no río Ulla, láser tag – en Espiñeirido, Parque de San Roque, merendeiro da Praia da Corna e merendeiro de Couso-, barranquismo no río Pedras e obradoiros e demostración de skate na Avenida das Airós.
“Comezamos o 17 de maio coa actividade de láser tag en San Roque, continuando en Palmeira o 18, o 1 de xuño en Olveira e o 8 en Aguiño.” explicou Antía Alberte. “Todas as actividades teñen un custe inferior ao prezo de mercado; en concreto, o láser tag terá un prezo de 3 euros por persoa, e haberá prazas para 400 persoas.”

O obradoiro de skate realizarase o 15 de xuño, a actividade de rafting o día 25 de maio e o barranquismo o 8 de xuño. Para estas dúas últimas, habilitarase un bus que sairá dende a parada central de Ribeira ás 9:30 ambos días.
“Na actividade de láser tag priorizarase a xente de entre 14 e 17 anos, e as actividades de rafting e barranquismo estarán dirixidas á xuventude de entre 17 e 35 anos” explicou a concelleira. “Esta é unha convocatoria aberta á toda a mocidade empadroada no municipio que sexa menor de 35 anos”.
As inscricións poderanse realizar a través das concellerías de Xuventude e Deportes, nos teléfonos 981873646 / 981835289.