Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Fene abre este xoves o prazo de preinscrición para os campamentos deportivos da Deputación da Coruña


Fene contará este ano con 6 prazas para a segunda quenda dos Campamentos de verán da Deputación da Coruña, que se desenvolverá do 30 de xuño ao 5 de xullo nas instalacións do IES Rosalía Mera da Coruña. As persoas interesadas en anotar aos/ás seus/súas pequenos/as poderán facelo do xoves 9 ao martes 28 de maio no Rexistro Xeral do Concello de Fene, presencial (de 8.00 a 14.00 horas) ou telematicamente (https://sede.fene.gal/sxc/gl/index.html). Deberán aportar a ficha de inscrición -dispoñible na web www.fene.gal- totalmente cuberta e un volante de empadroamento no Concello de Fene (cunha antigüidade mínima do 2 de maio de 2024).

No caso de que se presenten máis solicitudes que as prazas ofertadas (6), entre os días 29 e 31 de maio farase un sorteo público no que terán prioridade os nenos e nenas que nunca asistiran ás campañas de verán do organismo provincial. E, unha vez resolta a adxudicación de prazas, procederase por parte do persoal do Departamento de Cultura e Deportes á entrega da documentación restante para a inscrición completa. A data límite para presentar todos os papeis será o 10 de xuño de 2024.

Nesta nova edición dos Campamentos da Deputación poderán participar nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro de 2010 e 31 de decembro de 2015 (rapazada de 9 a 14 anos xa cumpridos). O custe da actividade ascende a oitenta e cinco euros por persoa e inclúe estancia, manutención e participación nas actividades e saídas programadas. A cota de participación aboarase unha vez confirmada a praza.