Friday 22 de November de 2024

Fene consegue unha axuda do IDAE de preto de 750.000 euros para a renovación do alumeado público e a rede de semáforos


A renovación de 732 puntos de luz suporá un aforro do 88,3% dos custes de enerxía

Trátase dunha axuda concedida ao 100%, reembolsable en función do aforro acadado e sen xuros

O Concello de Fene vén de conseguir unha axuda para a renovación das instalacións do alumeado público por un importe total de 743.850,08 €. A contribución forma parte do Programa de Proxectos Singulares de Alumeado Municipal do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), e se concede ao 100%.

O proxecto, que fora presentado polo Concello de Fene no último trimestre de 2023, contempla a substitución dun total de 732 puntos de luz, distribuídos do seguinte xeito: 89 na Estrada da Palma; 115 no Cemiterio Municipal de Barallobre e a súa contorna; 75 na Estrada de San Marcos; 66 na Rúa Travesa; 67 na Fonte Nova – Sartego e 85 nas inmediacións do Polideportivo A Xunqueira e Paseo Marítimo. A eles súmase a rede semafórica de Fene ao completo, con 235 puntos de luz.

Todos eles serán substituídos por puntos de luz de maior eficiencia enerxética, ao tempo que o Concello dotarase dun sistema de telexestión, que permite a monitorización do servizo en tempo real e a detección inmediata de avarías. Este sistema tamén habilita a programación de diferentes patróns de redución en función da época do ano ou as condicións particulares da zona a alumear, o que inflúe directamente na baixada do consumo.

Coa realización deste investimento de eficiencia enerxética, a potencia instalada reducirase de 87,23 a 20,49 kW, e o consumo de enerxía pasará dos 357.518 kWh/ano actuais a 41.818 kWh/a. Trasladado ao custe de enerxía por ano, pasarase de 101.337,61 € a 11.880,06 €, o que supón un aforro do 88,3%.

“Esta axuda é a máis importante das recibidas na historia do Concello de Fene para cuestións de eficiencia enerxética”, apuntou o alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen tamén indicou que o reembolso da axuda farase en función do aforro final acadado “sen que o investimento previsto supoña endebedamento algún para o Concello”.

Ademais do aforro económico que suporá a substitución dos puntos de luz, o rexedor fenés tamén valorou positivamente “o importante avance en termos de eficiencia, redución da xeración de CO2 e da contaminación luminosa”, así como a dixitalización da rede que será actualizada. “O sistema de telexestión permitiranos detectar as avarías, reducindo os tempos de resposta e evitando que a veciñanza teña que dar avisos”.

Desde a concesión da axuda, a planificación temporal contempla un cronograma de 18 meses para a súa completa execución e xustificación. Durante os primeiros anos tras a súa implantación, o aforro económico dedicarase á devolución da axuda, que a diferenza de outros préstamos, concédese sen xuros e en función do aforro acadado.