Neda celebrará un ano máis a festa dos maios. A contorna de Albarón encherase de flores, bo ambiente e de tradición este venres, grazas a esta cita recuperada polo Concello nos últimos anos. Desta volta o alumnado dos centros públicos de infantil e primaria do municipio será protagonista exclusivo da celebración.
Dende o Concello apuntan que participarán neste encontro tanto os estudantes e profesorado do CEIP Maciñeira como os do CEIP San Isidro. En total, prevese que durante a mañá se xunten neste espazo verde uns 275 nenos para montar ao redor das árbores da feira as tradicionais creacións feitas con flores, fentos…
Na cita, coa que no pasado se despedía o cru inverno e se daba a benvida á estación das flores, a creatividade manda. No encontro entre os coles, ao marxe da decoración floral, haberá tempo para outras propostas de lecer. Así, o Concello convidará aos nenos e nenas a participar nun obradoiro de baile tradicional, que arrincará ao redor das 11.30 horas. E para ter folgos, a rapazada poderá saborear os tradicionais bolos preñados.
Ademais dos colexios, está previsto que fagan a súa aportación creativa o alumnado da Escola infantil municipal Os Pelegríns e as súas familias, que elaborarán no centro a seu propio maio.