Friday 22 de November de 2024

Feijóo considera un bo sinal o repunte na contratación rexistrado no sector naval galego, que abrangue o 23% do total de pedidos que afronta esta industria en españa



Salienta que, segundo datos do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo correspondentes ao terceiro trimestre de 2015, a carteira de pedidos en vigor dos estaleiros galegos suma 13 buques dun total de 56 contratos rexistrados en España

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, considerou hoxe “un bo sinal” o repunte na contratación rexistrado no sector naval de Galicia, que abrangue xa máis do 23% do total de pedidos que afronta esta industria a nivel nacional. Segundo datos do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo correspondentes ao terceiro trimestre de 2015, a carteira de pedidos en vigor dos estaleiros galegos suma 13 buques dun total de 56 contratos rexistrados en España.

Nesta liña, o titular da Xunta indicou, tamén, que no referente á carga de traballo, o Índice de Actividade Ponderada en Galicia nos primeiros nove meses de 2015 supón un 32% do total de España. E, en suma, destacou que a carga de traballo coa que conta o conxunto dos estaleiros galegos, ben sexa en carteira ou en estadios finais de negociación, chega aos preto de 2.000 millóns de euros.

Feijóo apuntou que nestas cifras aínda non están contabilizados outros contratos importantes acadados polo sector recentemente, como o buque oceanográfico de Freire para a India, o novo flotel para Barreras e o minicruceiro que lle foi adxudicado, o BAM de Navantia, os catro buques encargados a Cardama, ou os jackets contratados a Navantia Fene, que non entrarían dentro do que se considera construción naval.

Máis carga de traballo
O titular da Xunta puxo de relevo estes datos no acto de colocación de quilla do buque escola que o estaleiro Freire vai construír para a Armada indonesia. Unha embarcación adxudicada en xuño de 2013 por un importe de 60 millóns de euros, que garante preto de dous anos de traballo e que dará emprego a 450 persoas de forma indirecta, a totalidade do cadro de persoal e a parte da auxiliar.

Segundo sinalou, ademais desta embarcación, Freire está construíndo un buque oceanográfico para Perú, é responsable da dirección técnica e da xestión de compra de materiais para tres barcos supply para Pemex e, en xullo de 2015, logrou a adxudicación dun buque oceanográfico rompexeos para a India. En total, concretou, este estaleiro conta neste momento cunha carteira de pedidos cun prezo de venda de ao redor de 330 millóns de euros, o que lle garante carga de traballo ata practicamente 2018.

É, polo tanto, unha boa nova para o sector naval de Galicia, dixo, que comeza a traducir en emprego e carga de traballo o seu esforzo por innovar e tratar de ser máis competitivo nos mercados internacionais. “Unha boa nova que demostra que este estaleiro é un dos que mellor resistiu a crise económica e o tratamento que desde a UE se fixo do tax lease”, asegurou.

Apoio financeiro ao sector
Neste contexto, mencionou as liñas de apoio financeiro que a Xunta está prestando ao sector. E, entre elas, citou o convenio asinado con Asime para impartir durante 2014 e 2015 49 cursos de formación no naval; uns cursos que tiveron un nivel de inserción do 38% dos participantes. Tamén se referiu ao programa EmpregaNav, acordado coa Mesa do Naval do Diálogo Social para aqueles traballadores que perderon o seu posto de traballo entre marzo e decembro de 2011. Contou, dixo, cun orzamento de 3,1 millóns de euros e axudou á reinserción laboral de 450 profesionais do naval, un 61% dos participantes.

Igualmente, destacou unha liña específica de avais para o financiamento da industria auxiliar; e a participación da Xunta no Fondo de Garantías Navais, ao que achega 21 millóns de euros para avalar posibles contratos navais aos estaleiros galegos en Pymar. Ao respecto, informou de que a primeira das operacións aprobadas coa axuda deste fondo pechouse o pasado 21 de xaneiro ao asignarse un aval ao estaleiro Cardama para a construción de dous remolcadores para unha armadora marroquí.

Recursos para impulsar a innovación no naval
Feijóo recoñeceu que esta industria está a amosar como a innovación e as novas tecnoloxías aplicadas a toda a cadea de produción poden dar resultados moi satisfactorios. E, nese sentido, salientou que a Xunta leva mobilizado en apoios á innovación na construción naval un total de 32 millóns de euros.

Por exemplo, dixo, a través dos programas Interconecta e Conecta Peme, con axudas que superan os 9 millóns de euros para apoiar 19 proxectos de I+D+i neste eido. Ou mediante as Unidades Mixtas de Investigación, que están a mobilizar máis de 8 millóns de euros.

Entre os proxectos máis destacables neste eido citou o que está a realizar a Universidade da Coruña e Navantia para mellorar os procesos de produción nos estaleiros, incrementando a produtividade e reducindo custos e tempo. O que desenvolven Aimen e Factorías Vulcano, para o deseño de liñas de fabricación automatizadas de ensamblaxe de elementos e estruturas navais. Ou o que acometen Aimen e Wartsila Ibérica S.A, para o desenvolvemento dunha nova xeración de compoñentes navais.

Feijóo concluíu poñendo de manifesto a capacidade demostrada do sector por innovar, por adaptarse á demanda e ás exixencias do mercado, e por competir en custo e prazos de entrega antepoñendo sempre o valor engadido da calidade e a experiencia. Agradeceu, así, a confianza depositada polo Goberno indonesio na industria naval galega, e subliñou que “en Galicia está o pasado do sector naval, pero tamén o seu futuro”.