Monday 25 de November de 2024

O Concello mantén as súas tres bandeiras azuis, traballa na potenciación dos seus servizos e daralle tamén un “salto de calidade” a areais como Niñóns


 “O equipo de goberno do Concello de Ponteceso agradece esta boa valoración, pero non se conforma”, sinala o alcalde

 Niñóns, que non dispón de bandeira, contará con novos baños e haberá actuacións no resto de praias

O Concello de Ponteceso mantén neste 2024 os seus tres areais con bandeira azul. O Jurado Bandera Azul 2024, composto por máis de 60 persoas de diferentes eidos, deu o visto bo a A Hermida, Balarés e O Osmo para que nelas continúe ondeando este período estival a citada bandeira, que recoñece o valor das praias en criterios como os accesos e servizos, a calidade das augas ou a educación ambiental.
“O equipo de goberno do Concello de Ponteceso agradece esta boa valoración, pero non se conforma. E precisamente por iso, antes de obter este recoñecemento, puxemos en marcha un plan para elevar o teito dos areais do municipio e darlles un salto de calidade”, apunta o alcalde, José Manuel Mato.

A planificación non afecta só a estas tres praias, senón tamén a Niñóns, na que se levaron a cabo traballos para optimizar e limpar os seus accesos e, nas vindeiras semanas, se instalarán uns baños. “Trátase da única destas praias sen instalacións destes tipo nas súas proximidades debido á súa localización, polo que imos arranxar esta cuestión para que os usuarios e usuarias poidan desfrutar dunha boa experiencia con todas as comodidades”, expresa Mato.

A maiores, a pesares de obter xa a Bandeira Azul, A Hermida, Balarés e O Osmo contarán tamén con novas intervencións. Na última delas, instalarase unha nova varanda de madeira. Nas dúas primeiras, instalaranse toldos que actuarán como ‘zonas de sombra’ que poderán usar de xeito preferente as nais e pais con bebés, os e as maiores e as persoas con discapacidade. Tamén en Balarés proxectouse a colocación dunha caseta de vixilancia. “Non se trata de conseguir a Bandeira e xa está, senón de ir mellorando en todo o que sexa posible para que a nosa veciñanza sinta orgullo das súas praias e comodidade nelas e os visitantes queiran volver”, sinala o rexedor.

A todas estas iniciativas únese unha “limpeza profunda” das praias na que teñen unha especial transcendencia as Mariscadoras do Anllóns. De xeito periódico cada dúas semanas, a agrupación está a acumular o lixo que atopan nos areais para que, posteriormente, os servizos municipais o transporten co fin de depositalo nos puntos axeitados para a súa eliminación, comezando por Barra.