• A Adeac anunciou hoxe os areais que contan con este distintivo, entre os que se encontra a Praia de Laxe
• Desde o Concello amosan o seu “orgullo por volver a conseguir este distintivo, que goza dunha gran relevancia a nivel turístico”
O Concello de Laxe contará un ano máis co distintivo de Bandeira Azul na súa praia urbana.
Este distintivo, que goza de carácter internacional, corre a cargo da Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), que recoñece anualmente a areais de todo o mundo a partir de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
Neste caso, a Praia de Laxe goza de todos os servizos propios dunha praia urbana de alta calidade, permitindo que os usuarios e usuarias poidan gozar de todas as comodidades posibles durante a súa estancia.
Cabe subliñar que o municipio conta con outros tres areais como Soesto, Arnado e Traba, que gozan dunha localización única, ideais para realizar deportes acuáticos ou descansar tranquilamente.
Desde o Concello de Laxe amosan o seu “orgullo por volver a conseguir este distintivo, que conta cunha gran relevancia a nivel turístico” e sinalan que “cada ano milleiros de visitantes achéganse ata as nosas praias para desfrutar do gran paraíso natural do que dispoñemos”.
Desde o Consistorio subliñan a gran calidade dos seus areais “nos que se traballa a reo durante todo o verán para mantelos en perfectas condicións para o seu mantemento e que tanto veciñanza como visitantes poidan gozar deles”.