Friday 22 de November de 2024

247 persoas presentaron solicitudes para un total de 734 nichos e 37 columbarios no cemiterio municipal


Os veciños e veciñas que tiñan realizado a petición con anterioridade, e que reiteraron o seu interese, terán preferencia na adxudicación

O Concello de Carballo recibiu entre o 26 de marzo e o 30 de abril un total de 246 peticións de nichos e columbarios. Só 26 corresponden a novos/as solicitantes, polo que 220 das 339 persoas que tiñan realizado o trámite con anterioridade reiteraron o seu interese, e terán preferencia na adxudicación.

A demanda de nichos é maioritaria. Neste proceso solicitáronse un total de 734 nichos, 80 dos cales corresponden ás novas peticións. Isto significa que xa nesta primeira fase da ampliación, que inclúe 720 nichos, poderán atenderse a práctica totalidade das solicitudes renovadas. Non todas, porque o Concello de Carballo, como é obrigado, deixará en reserva unha porcentaxe dos nichos para atender posibles situacións de emerxencia.

As que si poderán atenderse na súa totalidade son as peticións de columbarios, xa que houbo 30 persoas que se interesaron por esta modalidade de enterramento. Como consecuencia dese interese, dos 96 columbarios existentes xa hai reservas para 37.

O Concello de Carballo non realizaba adxudicacións masivas de concesións de nichos desde o ano 2002, polo que en vinte anos acumuláronse un total de 339 solicitudes. A estas persoas outórgaselles preferencia na adxudicación, sempre que cando confirmasen dentro do prazo establecido que manteñen o interese. Todas elas recibiron comunicacións individuais, e nalgúns casos formalizaron renuncia expresa.

En calquera caso, as persoas que non poidan ver atendida a súa solicitude neste proceso quedarán en listaxe de agarda para próximas adxudicacións. De feito, o proxecto completo de ampliación do cemiterio inclúe 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas. O goberno municipal pretende acometer a segunda fase o antes posible.