O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, o Foro Galicia e Valle-Inclán e o Centro Internacional de Prensa de Galicia promoven unha serie de actos en Navarra un século despois das viaxes de Valle-Inclán a esta comunidade do norte de España.
O literato emprendeu estes periplos para se documentar sobre as guerras carlistas para a produción da serie de novelas Los cruzados de la causa, El resplandor de la hoguera e Gerifaltes de antaño; unha presenza que tamén serviu para Sonata de invierno. Agora, máis de cen anos despois, o seu neto e investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina divulga datos clave da influencia destas estadías en terras navarras nos libros do seu antepasado.
E faino a través programa impulsado polos tres referidos entes coa colaboración de administracións navarras.
A axenda comeza neste 7 de maio cunha visita pola tarde ao Museo del Carlismo de Estella e a conferencia Valle-Inclán y su relación con Estella. La trilogía carlista. No mércores 8 farase un itinerario guiado pola cidade e ao Concello Estella-Lizarra, ademais de ao Señorío de Bertiz. Concluirá no xoves 9 cunhas saídas ao teatro Gayarre e ao Diario de Navarra, en Pamplona, e co relatorio e acto literario Valle-Inclán y Navarra, no Nuevo Casino Iruña.