— Catro alumnos poderán participar nun programa educativo na Fundación Sozzani de Milán durante os meses de setembro a decembro deste ano
— A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, coñece aos bolseiros do curso pasado na EASD Pablo Picasso da Coruña
A Xunta de Galicia apoia a formación do alumnado de fotografía das escolas de arte e superior de deseño de Galicia con estadías de formación no estranxeiro para que completen os seus estudos. Concretamente, estas bolsas están dirixidas a estudantes que finalizaran o segundo curso do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía nalgunha das catro escolas de Galicia.
Esta convocatoria, que se realiza en colaboración coa Fundación MOP, outorgará catro bolsas de estudo -unha por cada escola- na Fundación Sozzani de Milán, incluíndo viaxe, aloxamento, programa educativo e manutención entre setembro e decembro deste ano. As persoas seleccionadas desenvolverán un proxecto fotográfico baixo a supervisión de titores, tendo posibilidade de acceder a clases maxistrais con fotógrafos relevantes, participar en eventos e actividades da propia fundación, así como asistir ao festival PhotoVoque.
Así mesmo, os bolseiros realizarán unha viaxe académica e cultural a cidades como París ou Roma, desenvolvendo actividades en colaboración con escolas de arte, imaxe e fotografía francesas e italianas.
Segundo ano da iniciativa
Con este motivo, a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e as representantes da Fundación MOP, Raquel Delgado e Leticia Castromil, visitaron a Escola EASD Pablo Picasso da Coruña onde mantiveron un encontro con todos os alumnos do último curso de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía das catro escolas para dar a coñecer este programa.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aproveitou para coñecer aos tres bolseiros que gozaron da estadía o curso pasado, ano no que se estreou esta convocatoria. Esta é unha das bolsas que integran o amplo programada do que dispón a Xunta de Galicia en materia de mobilidade para que o alumnado galego complete os seus estudos fóra do país.
Solicitudes do 1 ao 22 de xullo
Os estudantes que queiran optar a estas bolsas poden consultar as bases no Portal Educativo e solicitalas no prazo do 1 ao 22 de xullo. Para poder acceder a elas, deben estar matriculados este curso 2023/24 no segundo curso do ciclo de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía nalgunha das catro escolas de arte galegas -Pablo Picasso da Coruña, Mestre Mateo de Santiago, Antonio Failde de Ourense e Ramón Falcón de Lugo- e ter superado integramente o primeiro e o segundo curso.
Ademais, teñen que aportar certificación dun nivel de competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa e o currículum vítae acompañado de documentación gráfica relativa a un proxecto de fotografía.