Saturday 16 de November de 2024

O Concello adxudica a renovación da Praza dos Estudantes


O Concello de Ribeira ven de adxudicar a renovación da Praza dos Estudantes de Ribeira cun orzamento de 82.227,20 euros un prazo de execución de 6 meses.

A Praza Estudantes atópase moi deteriorada; ademáis de presentar un deseño que impide que o espazo sexa accesible e problemas coa impermeabilización da pérgola. Por isto, proxéctase a mellora do equipamento, de maneira que sexa totalmente accesible e que garanta unhas condicións de seguridade axeitadas.

As actuacións que se desenvolverán consisten na substitución do pavimento da praza por unha nova capa de formigón, na renovación do revestimento das plataformas existentes e na reparación da pérgola. Ademáis; o proxecto contempla o recheo do foso existente con terra vexetal fertilizada para a posterior plantación de céspede e distintos tipos de arbustos.

O axardinamento da praza e a renovación da pérgola son “investimentos pensados para mellorar a calidade de vida da comunidade proporcionando un ambiente atractivo, saudable e funcional para todas as persoas que frecuentan este espazo público” explicou o alcalde Luís Pérez. Segundo afirmou, dende o goberno municipal seguirase a traballar para a ampliación e mellora das zonas verdes en todo o Concello, co propósito de “embelecer a paisaxe urbana e reforzar o tecido social; promovendo un estilo de vida activo e sustentable.”