Saturday 16 de November de 2024

O Concello achega o ‘Viñetas desde o Atlántico’ aos centros educativos da Coruña


Baixo o nome de ‘Viñetas desde a escola’, impartiranse obradoiros de iniciación á banda deseñada en catro centros de secundaria e estudos superiores

O obxectivo é promover o interese na banda deseñada entre a mocidade e dar a coñecer a relevancia do Festival Viñetas entre as novas xeracións

O Festival ‘Viñetas desde o Atlántico’ chega aos centros educativos da cidade co programa ‘Viñetas desde a Escola’, impulsado polo Goberno de Inés Rey para a promoción do festival entre as novas xeracións. Trátase dun plan de obradoiros previos en diferentes centros de secundaria e estudos superiores, con charlas divulgativas sobre proceso creativo da banda deseñada.

Serán un total de catro sesións impartidas pola autora Inés Vazquez, membro da plataforma Coruña Gráfica, e gañadora do Premio Follas Novas 2022 pola súa obra ‘Aldara’. Vázquez prepara actualmente a súa terceira novela gráfica, despois de ter traballado varios anos en Irlanda no sector da animación. A Escola de Arte Superior e Deseño (EASD) Pablo Picasso será o primeiro centro en acoller as charlas, este xoves 8 de maio ás 11.30 horas. Seguiralle o IES Fernando Wirtz o 9 de maio e o IES Zalaeta o 14 de maio. Os obradoiros rematarán o 20 de maio no IES Durmideiras, coa última sesión do programa.

Este plan divultigativo, coordinado entre o Concello e a dirección de ‘Viñetas desde o Atlántico’, conta coa colaboración de Xulio Carballo Dopico, mestre de galego e especialista en banda deseñada. O programa ten como obxectivo deslocalizar o Festival ‘Viñetas’ do mes de agosto, aproveitando o período lectivo para involucrar aos centros educativos da Coruña. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey aposta por achegar o Viñetas ás novas xeracións a través do ámbito educativo, promovendo o festival entre a mocidade para que sexan conscientes da relevancia e potencial que ten a nivel internacional.