— Suma un areal máis respecto ao balance do exercicio anterior e aínda que non hai ningunha incorporación nova, catro das praias distinguidas recuperan a bandeira
— A Asociación de educación ambiental e do consumidor tamén recoñece un total de 11 portos e 15 centros e aulas da natureza, dos que 2 reciben a insignia por primeira vez
— O municipio pontevedrés de Sanxenxo volve liderar a clasificación nacional, cun total de 17 praias galardoadas, ademais de contar con 3 portos e 1 centro recoñecidos
— A comunidade galega lucirá en 2024 un total de 189 distintivos en recoñecemento á calidade e á excelencia das súas praias, áreas portuarias, instalacións para a atención de visitantes e sendas peonís, superando deste xeito por primeira vez a Andalucía
Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).
Dos 114 areais galegos galardoados nesta edición —que se estenden ao longo de 53,5 km de costa e supoñen 1 máis que en 2023—, cómpre subliñar que ningún recibe este distintivo por primeira vez pero cinco deles recuperan a bandeira que non luciron o ano pasado. Son, concretamente, Lombiña-Cabío, na Pobra do Caramiñal, Area Maior, en Malpica de Bergantiños, A Ribeira, en Miño, Ladeira, en Baiona, e Xiorto, en Poio.
Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 102 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 11 están en Galicia, unha menos que na pasada edición, xa que o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz non presentou candidatura este ano por estar en obras.
De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental. Dos 87 galardoados en todo o país, 15 están en Galicia, destacando en especial a incorporación do Estaleiro de Purro, en Bueu, e do Centro de interpretación ambiental Foz do Miñor, en Baiona, que se estrean este ano como centros azuis.
Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.
Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 60 que recaen noutras tantas praias e outras 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 38 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.
Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou en 2023. O concello pontevedrés suma tamén 3 distincións para outros tantos portos e terá de novo 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, que con 12 praias con bandeira é a cidade galega que recibe máis galardóns.
Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra un maior número de bandeiras, con 7 areais seleccionados; seguido da Coruña —5 areais e 1 porto—, Oleiros —5 praias e 2 centros azuis— e Ferrol —con 5 areais tamén—.
Por último, Foz é o concello lucense con máis praias galardoadas, un total de 5; seguido de Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Barreiros e O Vicedo, que suman 2 areais cada un deles, e Ribadeo, tamén con 2 praias e que un ano máis conta cun porto galardoado.
Líder en sendeiros azuis
Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que, por terceiro ano consecutivo, Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de bandeira azul co que se busca poñer en valor o papel das sendas como un recurso valioso para gozar da natureza e aprender a interpretar a contorna.
O acto oficial de recoñecemento aos 128 itinerarios galardoados en 2024 no conxunto do país tivo lugar a mediados de marzo e nel se confirmou que Galicia segue sendo a comunidade con máis sendeiros azuis —49 este ano, 14 máis que na edición anterior—.
En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos este ano por Adeac, Galicia atesoura 189 insignias azuis, balance co que mellora a súa posición a nivel nacional ao superar por primeira vez a Andalucía (con 188) e situarse como a segunda comunidade española con máis distintivos azuis en todas as categorías.
A continuación detállanse os galardóns concedidos en 2024 en Galicia, diferenciando entre praias, portos e centros azuis e resaltando cun * os que o reciben por primeira vez.