Friday 22 de November de 2024

O BNG parabeniza a iniciativa das librarías oleirenses e ao Concello pola celebración da primeira Feira do Libro de Oleiros


No BNG de Oleiros achamos en falla as ausencias das bibliotecas municipais e da AELG (Asociación de Escritoras en Lingua Galega. Instamos a corrixir esta situación en vindeiras ocasións

É coñecida a demanda de fomento do comercio local que o BNG de Oleiros introduce día si e día tamén, ao igual que a defensa da cultura nas súas variadas dimensións. Parabenizamos pois a chegada, para non marchar, da  primeira Festa do Libro a Oleiros. Feira creada a iniciativa das nosas librarías coa colaboración do Concello e  dunha asociación, de recente creación, chamada Asociación Gallega de Escritores (non confundir coa Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega) escritoras que escreben case unicamente en español.

Non temos constancia da colaboración preferente das nosas loureiradas bibliotecas municipais na Feira, nin dos servizos de normalización lingüística do Concello, nin da Asociación de Escritoras en Lingua Galega fundada no ano 1980 por algúns/algunhas dos/as escritores/as máis sobranceiros/as da nosa historia literaria e dela foron membros Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, Antón Avilés de Taramancos, Manuel María, Xela Arias e Luisa Villalta (escritora a quen irá dicado este ano día das Letras Galegas) entre outros/as e cuxo presidente é veciño de Oleiros.

 

Pediremos ao Concello de Oleiros no vindeiro pleno de maio que nas vindeiras edicións da Feira do Libro, teñan en conta estas imprescindíbeis achegas que fagan de Oleiros unha referencia no eido da cultura, das nosas autoras e tamén das nosas librarías. Reiteramos os parabéns pola iniciativa.