Friday 22 de November de 2024

O colexio público de San Sadurniño celebrará o seu 50º aniversario cun xantar de confraternidade


O CPI de San Sadurniño celebra durante este curso 2023-24 o medio século de vida. Foi en decembro de 1973 cando se inauguraron unhas instalacións que recollerían e acollerían o alumnado de todo San Sadurniño para cursar aquela incipiente EXB pola que se rexeu o sistema educativo estatal durante dúas décadas. Para conmemorar os 50 anos daquel primeiro curso -e do centro- a ANPA organizou un xantar popular que terá lugar no patio cuberto das instalacións o próximo 8 de xuño. Os tíckets para este aniversario (que tamén será escusa para o reencontro do alumnado de distintas épocas) poden mercarse até o 31 de maio na Libraría Brétema.

A Asociación de Nais e Pais publicou hai uns días o cartel anunciador da cita, na que se servirá un menú a base de entrantes -ibéricos, croquetas caseiras, lagostinos e empanada-, tenreira asada con gornición e sobremesa, ademais de bebida, pan e café.

O prezo do prato son 30€, aínda que tamén haberá unha opción infantil a 15 euros para menores de 13 anos. Ademais do xantar, que arrancará ás 14:00h do sábado 8 de xuño, durante a tarde e o serán tamén haberá unha actuación musical.

O evento está aberto a calquera persoa que queira anotarse collendo tícket na Libraría Brétema antes da fin deste mes de maio, aínda que seguramente serán as antigas alumnas e alumnos e o profesorado de antes e agora quen máis desfruten dun reencontro que, segundo a ANPA, está organizado “para recordar vellos tempos e celebrar o 50 aniversario do noso cole”.

Desde o 10 de decembro de 1973
Para coñecer a historia completa do que hoxe é CPI recomendamos acudir á web Fálame de San Sadurniño, onde se pode ler un pequeno artigo cheo de referencias ás orixes e a evolución do centro de ensino inaugurado o 10 de decembro de 1973.

“O flamante colexio de EXB” abriu as súas portas sendo alcalde Santiago Secada, aínda que a súa construción fora “unha teima persoal do anterior alcalde Ángel Gavín (1964-1971)”, quen, segundo se relata en Fálame, “propúxose mercar 10.000 metros cadrados de terreo ao carón do concello para edificar un grupo escolar pioneiro que agrupase as deficientes escolas unitarias que salpicaban o disperso territorio de San Sadurniño. Unha escola con comedores, transporte escolar e espazo para actividades deportivas que puidera ser ampliado e mellorado ao longo do tempo”.

A solicitude do novo centro presentouse o 5 de febreiro de 1966 e investíronse os tres anos seguintes na obtención dos terreos, completada en 1969. A construción arrancou en 1971, tal e como se desprende da información publicada en Fálame de San Sadurnuiño, e “tras dous anos en obras, inaugurábase o Colexio público de San Sadurniño. O primeiro director foi Jesús Ramos Fernández que tamén era concelleiro na corporación municipal de Santiago Secada”.

O 23 de abril de 1992 inaugurouse o pavillón polideportivo cuberto que permitirá a práctica de calquera deporte e será cancha do equipo de voleibol local, promovido polo mestre Manolo Seco primeiro como actividade escolar e, desde ese mesmo ano, como club. O outro fito histórico importante foi a conversión do centro en CPI, despois dun longo e conflitivo proceso durante os anos 1996-1998.