Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Ordes traballa pola vía de emexencia para reabrir o antes posible a ‘Ponte Pereira’


A deterioración da súa capacidade estrutural e da tubaxe metálica, acentuadas polas últimas precipitacións, provocaron o peche deste punto na estrada municipal que transcorre entre o lugar do Mendo e O Ludiño

Tanto o Departamento de Urbanismo como os servizos administrativos do Concello de Ordes traballan xa na solución para a reapertura da circulación na ponte Ribeira, situada na parroquia de Pereira. A vía foi cortada ao tráfico tras detectarse anomalías na súa capacidade estrutural e na estrada municipal que transcorre entre o lugar do Mendo e O Ludiño, concretamente no punto situado na superficie e inmediacións do dito viaduto. Uns danos acrecentados polas abundantes precipitacións rexistradas nestes días. A intención do Concello é a de tramitar esta urxente intervención con carácter de emerxencia para solucionar a situación o antes posible e do xeito máis satisfactorio.
“Queremos habilitar o antes posible esta estrada tan importante para a xente da zona. Pero temos que facelo garantindo a seguridade de peóns e condutores á par que respectamos o valor patrimonial deste viaduto datado da época medieval”, concreta José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes. Unha catalogación que cobra aínda máis peso se se ten en conta que “a Ponte Pereira ou Ponte Vella como se coñece habitualmente transcorre polo trazado do Camiño Inglés, tal e como se indica na resolución do 3 de outubro de 2012 da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”, puntualiza o rexedor.
Tras unha primeira intervención na que se levaron a cabo tarefas de drenaxe observouse a rotura da tubaxe metálica, nunha liña continua na zona de contacto coa auga do rego que transcorre pola dita canalización. Tamén se evidencian deformacións considerables que ao longo do tempo alteraron a forma cilíndrica desta tubaxe que propiciaron alteracións na rasante que transcorre ao longo da superficie. O informe técnico tamén destaca unha conexión imperfecta coa ponte de pedra antiga debida aos movementos que se produciron.

Por todo isto proponse a substitución da actual tubaxe metálica por unha estrutura de formigón realizada “in situ” ou, no seu defecto e por prema na execución, pola colocación dun tubo de formigón armado de dimensións semellantes, realizando o emboquillado desta en pedra co fin de garantir así a súa integración no conxunto.