Friday 22 de November de 2024

Pablo Lago pídelle á subdelegada do Goberno que a banda ancha chegue a todas as vivendas e negocios do municipio e non só aos núcleos rurais


Alcalde e subdelegada repasaron o mapa de cobertura do concello, que actualmente conta con 246 unidades de actuación en funcionamento o que supón o 58,4% do proxectado

Lago trasladoulle a Rivas unha recompilación das queixas rexistradas no Concello por veciños a cuxas vivendas non chegou a banda ancha

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, realizou unha visita institucional esta maña a Brión, onde foi recibida polo seu alcalde, Pablo Lago, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero. Un encontro que tiña como obxectivo analizar e supervisar as actuacións levadas a cabo neste concello para a extensión da rede de banda ancha a través do programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO) do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública.

Pablo Lago cualificou de produtiva esta xuntanza pois “precisamos que a banda ancha chegue o antes posible as casas de todos os veciños e veciñas de Brión”. Neste sentido, o alcalde fixo fincapé en que “o Plan que propón o Goberno está fenomenal, pero necesitamos que a rede ultarápida chegue a todas as vivendas e negocios de Brión, non só aos núcleos rurais. De pouco lle vale a un veciño que a fibra óptica de alta velocidade chegue a todas as aldeas se finalmente non a ten na súa casa”.

Por iso, o alcalde brionés insistiulle á subdelegada do Goberno en que “no século no que vivimos, e ante todas as necesidades dixitais que require o día a día, non podemos consentir que haxa vivendas ou negocios que non conten con fibra óptica. Por iso solicitámoslle tanto ao Goberno como aos responsables de Vento Rede SLU que cheguen ata a última das vivendas”. De feito, o alcalde entregoulle á subdelegada unha recompilación das queixas rexistradas no Concello de aldeas que contan con vivendas ás que non chegou a banda ancha como: Gronzo, Romarís, Tembra, Cirro, A Gándara, Avenida dos Ánxeles, Chave de Ponte, Xinzo, Beca, Reboredo Pequeño, Ons e Amañecida.

144 proxectos

Pola súa banda, María Rivas lembrou que o Concello de Brión é un dos beneficiados do Plan Miteco que, a través de 144 proxectos, facilitará a cobertura de banda ancha en 451 vivendas e empresas que antes non dispoñían deste servizo. Esta extensión faise a través de convocatorias da axudas do Goberno; o programa contempla tres convocatorias. a primeira (2021) xa está rematada e as convocatorias 2022-2023 están en plena execución.

Con estas adxudicacións estase dando cobertura, neste momentos aos lugares de A Graña, Cornanda, Alfonsín, Goiáns, Ardións, Mato, Cristimil, Tourís, Nináns, Tourís, Igrexa, Luaña, Vioxo de Arriba, Vioxo de Abaixo, Esparís, Pousada, ViIar, Mourentáns, Forxán, Salaño Grande, Salaño Pequeno, A Gándara, Cirro, Pazos e Fonte Paredes. Ademais, a subdelegada do Goberno na Coruña informou ao alcalde que nos próximos meses a empresa intensificará os traballo de despregue da fibra para o acceso á banda ancha do resto dos lugares do concello.

Neste sentido, Pablo Lago insistiu en que “sabemos que a fibra óptica de alta velocidade xa chega as diferentes localidades pero non a todas as casas e espero que este último paso que falta se vaia acometer agora. O pasado fin de semana estiveron en Cirro e nas vindeiras semanas pasarán polo resto de lugares”. Por iso, o alcalde animou aos veciños e veciñas que poidan ter algún problema a notificalo ao Concello de Brión para que a empresa poida dar solución.

Programa ÚNICO

A subdelegada, lembrou que o programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO) do Ministerio Asuntos Económicos e Transformación Dixital serve para facilitar o acceso á conexión de banda ancha ultra rápida e a extensión do 5G a todos os municipios da comunidade que carecen deste servizo.

O Ministerio publicou o pasado 18 de decembro a adxudicación da Terceira Convocatoria de proxectos de banda ancha que deberá levar a banda ancha a 9.000 familias e empresas cun investimento estatal de 4.635.637 euros (dos 5,8 de total do investimento). Así no Plan Único 2022 adxudicouse a execución dun total de 162 unidades, das que actualmente 53 xa están en funcionamento. Na adxudicación do 2023 son 259 as unidades contempladas das que xa están en servizo 193. Así son un total de 421 as unidades adxudicadas nestas dúas convocatorias, das cales xa están executadas 241 o que supón o 58,4% do total comprometido.

María Rivas, subliñou a importancia de achegar o servizo de banda ancha a toda a veciñanza xa que hoxe é un elemento fundamental para favorecer o asentamento da poboación nos pequenos concellos rurais, e tamén para axudar ás pequenas e medianas empresas que nel se asentan. Así sinalou que “o Goberno está comprometido co apoio aos concellos rurais na mellora dos seus servizos, das súas infraestruturas, xa que son necesarias para favorecer que a cidadanía se asente e faga neles o seu proxecto vital. Na loita contra o despoboamento, favorecer á conectividade a través de banda ancha é un elemento clave”. A subdelegada insistiu en que “trátase de garantir ás persoas que viven nos pequenos concellos un futuro no que conten coas mesmas oportunidades”.