• A actividade realizarase no polideportivo municipal a partir das 18:00 horas
• Daranse cita un total de 165 deportistas das escolas deportivas municipais dos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Malpica e Laxe
Este venres, 10 de maio, o Concello de Laxe celebra o Día do Patín cunha exhibición na que participarán un total de 165 deportistas de diferentes idades das escolas deportivas municipais dos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Malpica e Laxe.
O encontro comezará a partir das 18:00 horas no polideportivo municipal, onde as persoas participantes realizarán diferentes coreografías de patinaxe artístico, nas que amosarán todas as habilidades adquiridas ao longo de todo o curso.
Saltos, piruetas e moito baile serán os protagonistas desta gran xornada, á que poderán asistir todas as persoas que así o desexen para animar á rapazada.
O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, asegurou que se trata dunha iniciativa “que pon en valor o traballo realizado ao longo de todo o ano nas escolas municipais, tanto na nosa como nas dos municipios veciños” e animou “a toda a veciñanza a participar e animar aos nosos rapaces e rapazas, que nos sorprenderán coa súa mellor actuación”.
Segundo indica o rexedor, “é moi importante fomentar a práctica deportiva en idades temperás, por iso é fundamental potenciar e promover as escolas deportivas municipais, nas que ao longo do ano participan centos de mozos e mozas”.