Teresa Villaverde animou a veciñanza a visitar a mostra para “dar a coñecer algo que está aí sempre pero que sigue sendo descoñecido, como é o autismo, e normalizalo dentro da nosa sociedade”
A praza Teodomiro Hidalgo de Lousame acolleu esta mañá a inauguración da exposición informativa sobre o autismo da Fundación Amicos, que remata esta semana en Lousame a súa itinerancia polos distintos concellos do Barbanza. Un percorrido iniciado o pasado 2 de abril en Ribeira e que permitiu achegarlle información sobre o TEA á veciñanza da comarca. Poderá visitarse na praza do concello de Lousame ata o vindeiro 12 de maio.
A mostra foi inaugurada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; quen estivo acompañada polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey; a vicepresidenta da Fundación Amicos, Digna Iglesias; e os concelleiros de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e Obras, Ramón Martínez. Villaverde Pais destacou a importancia desta iniciativa xa que “dá a coñecer algo que está aí sempre pero que sigue sendo descoñecido, como é o autismo, e normalizalo dentro da sociedade. Todos tesmos as nosas particularidades e o autismo tamén ten as súas”.
Normalización entre a rapazada
A alcaldesa de Lousame agradeceu a presenza na inauguración dun grupo de alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro e do Centro de Educación Especial de Amicos, que realizaron un xogo do pasapalabra sobre o TEA e deron lectura a un manifesto. “Estamos encantados de tervos aquí e aos representantes do centro educativo, que tamén están colaborando”, destacou Teresa Villaverde, quen indicou que “escollemos esta praza para que esta exposición sexa o máis visible posible porque acude moita xente ao centro de día, ao centro de saúde, á farmacia e ao concello”.
Pola súa banda, Jacobo Rey puxo de manifesto “a necesidade de seguir fomentando a concienciación e o coñecemento sobre o autismo, que é unha condición do 1% da poboación”. Neste sentido, destacou que “creo que se ten avanzado moito nos últimos anos, favorecendo a inclusión de todas as persoas na sociedade” e puxo en valor a participación dos nenos e nenas xa que “desde os máis pequenos pódese axudar a esa concienciación e a esa normalización”.
Finalmente, Digna Iglesias, agradeceu o apoio recibido polo Concello de Lousame e por todos os municipios polos que discorreu esta exposición, facendo especial fincapé no traballo realizado polos nenos e nenas dos distintos centros educativos da comarca e, especialmente, dos “nenos e nenas do Centro de Educación Especial de Amicos pois grazas a eles púidose facer esta exposición e coa súa valentía puxeron en valor o autismo e que todos temos dereito a ter as mesmas oportunidades”.
A exposición consiste en tres monólitos con información sobre o autismo co obxectivo de achegarlle á cidadanía información sobre este trastorno, sensibilizala sobre a situación das persoas con TEA e conciencialos da necesidade de contar cunha contorna accesible. A exposición poderá visitarse na praza do concello de Lousame ata o vindeiro 12 de maio.