Friday 22 de November de 2024

Belén do Campo reúnese con Teresa Villaverde e destaca os investimentos por case 1M€ realizados pola Xunta neste concello no 2023


A delegada lembrou que a Xunta investirá, este ano, case 1M€ en obras para dotar a varios núcleos do Concello de Lousame dun sistema de saneamento eficiente

A delegada da Xunta, Belén do Campo, realizou, esta mañá, unha visita institucional ao Concello de Lousame para reunirse coa alcaldesa, Teresa Villaverde. No encontro repasaron os proxectos que ten actualmente en marcha a Xunta neste municipio.

A representante do Goberno autonómico lembrou que, no 2023, a Xunta investiu máis dun millón de euros en Lousame a través das distintas liñas de axudas e realizou importantes obras como a renovación do CPI Cernadas de Castro por un importe de preto de 600.000 euros. Ademais, o pasado mes de febreiro, a Xunta licitou por 952.000 euros as obras para dotar varios núcleos do Concello de Lousame dun sistema de saneamento eficiente. En concreto, obras para dotar de saneamento axeitado e eficiente aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e tamén parte do núcleo de Croído. No encontro tamén anunciaron outro convenio de colaboración, previsto para este Concello, coa Secretaria Xeral para o Deporte, para que se leve a cabo a reforma dos vestiarios do campo de fútbol.

As dúas representantes públicas coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos locais para contribuír ao desenvolvemento sustentable das comunidades galegas. A súa presenza en Lousame subliña a relevancia de entender as necesidades locais directamente dos habitantes e gobernantes locais, buscando sempre manter un diálogo aberto e efectivo.

Do mesmo xeito, Belén do Campo e Teresa Villaverde analizaron as necesidades do concello e comprobaron o resultado de distintas actuacións enmarcadas no ámbito de colaboración da Xunta cos concellos.