Friday 22 de November de 2024

O Programa Municipal “Visita o teu contorno próximo” leva a 100 alumnos dos IES Número 1 e Leliadoura a coñecer o Museo do Gravado


En dous visitas programadas para os días 1 e 15 de febreiro

Con motivo do programa “Coñece o teu contorno próximo” posto en marcha pola Concellería de Educación e o Servizo de Normalización Lingüística, os próximos días 1 e 15 de febreiro terán lugar dous obradoiros e visitas guiadas á exposición “Nós-Outras” no Museo do Gravado de Artes.

A iniciativa, que está destinada a estudantes de educación secundaria, contará coa participación de 50 alumnos do IES Número o 1 de febreiro e outros 50 do IES Leliadoura o día 15. Na primeira das citas estarán acompañados dun pequeno grupo de persoas maiores que participan todos os luns no obradoiro de lingua galega, As Nosas Historias, de xeito que se cree un vínculo interxeracional arredor da arte.

Para que a visita sexa realmente produtiva de cara a mellorar a comprensión artística dos visitantes, solicitóuselle á autora do limiar do catálogo da exposición “Nos-Outras”, Lucía Romaní, que participe nesta proposta con dous obradoiros e visitas guiadas, nas que o alumnado de ESO e bacharelato coñeza o verdadeiro significado da arte.

Historias para ser vistas, imaxes para ser contadas
Ao tempo a Fundación pon ao dispor destes grupos de estudantes visitas guiadas e obradoiros na exposición “Historias para ser vistas, imaxes para ser contadas”, da man das directoras deste proxecto: Carla Fernández Martínez, Rosa Margarita Cacheda Barreiro, doutoras en Historia da Arte.

As visitas á Fundación realizaranse de maneira que todos os participantes (50 persoas cada día), poidan ver as dúas exposicións, pero en 2 grupos de 25 persoas. A participación nos obradoiros será tamén en grupos de 25, cada grupo só asistirá ao obradoiro que corresponda a unha das exposicións.

11.00 h:
Chegada á Fundación e recepción de todo o grupo na planta de entrada cunha breve presentación da actividade na que van participar. Logo da presentación dividiranse os dous grupos.

11.15 h:
Comezan as visitas guiadas nas dúas exposicións (30 minutos)

11.45 h:
Intercámbiase o alumnado e repítense a visitas guiadas ao seguinte grupo (30 minutos)

12.15 h:
Comezan os obradoiros nas dúas exposicións (remate como máximo ás 13.30 h)

13.30 h:
Remate dos obradoiros e despedida do alumnado.