Perto dun cento de debuxos, caricaturas, viñetas de humor gráfico e ilustracións de Xoán Andrade Vilar (Betanzos, 1959) forman a exposición Pingas de humor crítico que se pode visitar na Casa da Cultura de Fene desde hoxe até o vindeiro 30 de maio. A mostra recolle unha pequena escolma do inxente labor desenvolvido polo artista e educador nas últimas décadas, traballos que tamén se poden ver no seu blog persoal https://xoan-andrade.blogspot.com. Pingas de humor crítico amosarase en Fene até finais do mes de maio en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado).
Xoán Andrade (Betanzos, 1959) conxuga dúas paixóns: o ensino e a expresión gráfica. Froito da confluencia das dúas é o seu traballo como ilustrador do método para a aprender a ler e escribir en galego “Chirlo Merlo” (Ir Indo Edicións, 1991) e dos materiais “Proposta para unha intervención integral a propósito da prevención da infección polo VIH-Sida”, “De nais e pais a fillas e fillos – ante a infección polo VIH-Sida” (Xunta de Galicia, 1999) e “Coeducación afectivo-emocional e sexual” (Xunta de Galicia, 2008).
Amais de realizar ilustracións para variados traballos de investigación e deseño gráfico, publicou colaboracións de humor en medios diversos (Revista Galega de Educación, La Región, Praza.gal, Sermos Galiza, Nós Diario, Irimia, A Nosa Terra, Que Quede Quen o Conte… e algunhas publicacións dixitais hoxe desaparecidas como Ómnibus, O Imperdíbel, Eivados da Galiza, Enchufados e O Botafumeiro).