Se tes entre 8 e 18 anos e che gusta debuxar; se eres un apaixoado/a do cómic pero pensas que é difícil contar historias a través dos debuxos ou cres que as túas historias non son interesantes, xa podes anotarte ao obradoiro de banda deseñada que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o Día dos Museos. A actividade, dirixida polo debuxante e humorista gráfico Santy Gutiérrez, está programada para o mércores 15 de maio, ás 18.00 horas. As persoas interesadas en participar deberán anotarse enviando un correo a museodohumor@fene.gal indicando: nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. As inscricións realizaranse por orde de recepción de correos até completar o aforo (20 prazas). Actividade de balde cunha duración de 1,5 horas.
Santiago Gutiérrez Gómez, “Santy Gutiérrez”, debuxante e humorista gráfico (Vigo, 1971)
Adícase profesionalmente ao debuxo dende 1993, realizando viñetas de humor gráfico para a prensa galega. Ten colaborado con El Correo Gallego, La Voz de Galicia, La Región de Ourense, Atlántico Diario, e tamén tivo ou ten seccións diarias nos xornais Diario de Pontevedra, El Progreso de Lugo, La Opinión de A Coruña, L-V, La Opinión de Tenerife e Diario de Mallorca.
O seu traballo como humorista gráfico valeulle numerosos recoñecementos, entre os que salientan o primeiro premio e dous accésits no concurso nacional de Humor Gráfico Joven&Brillante e o primeiro premio da Bienal da caricatura de Ourense. Tamén ten colaborado con revistas de tirada nacional como MisterK, El Jueves, Autobild e Personal Computer & Internet (ed. Axel Springer).
Como ilustrador editorial posúe un amplo catálogo de títulos publicados, destacando a súa traxectoria en libros de texto e de literatura infantil e xuvenil, traballando de xeito regular para editoriais como Xerais, Anaya, Rodeira, Edebé, Bromera Edicións, Pearson Publishers, Edelvives ou Bruño.
Membro fundador do estudio Baobab, estudio de referencia no noroeste español onde comparten espazo de traballo e sinerxias profesionais un dos grupos de autres máis destacados do sector en Galicia. Santy Gutiérrez é expresidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), plataforma integrada na Federación Nacional de Asociacións de Ilustradores Profesionais e dende a que traballa para a mellora global das condicións profesionais e a dignificación da profesión.