A poeta Luísa Villalta é a autora homenaxeada polo Día das Letras Galegas neste 2024, unha data que o Concello da Pobra do Caramiñal decide estender a todo o mes de maio cunha heteroxénea axenda con propostas para tódolos públicos, mediante presentacións literarias, música, teatro e xogos populares unidos pola tradición como fío condutor.
Durante o acto de presentación, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, destacou a ampla e variada oferta cultural para conmemora-lo Día das Letras Galegas dedicado a unha escritora que, ademais da faceta literaria, cultivou tamén a musical. “Traemos unha programación moi dinámica e atractiva que, se ben conta con actividades xa consolidadas nestas datas, tamén incorpora novidades co afán de ir medrando progresivamente en cada edición”, remarcou a edil. Lojo engadiu na súa intervención “celébranse as Letras Galegas e, como non podería ser doutro xeito, poñémo-lo acento nas nosas letras, na nosa cultura, na nosa identidade, pero quixemos ir máis alá. Por iso, mobilizámo-lo tecido asociativo para que tamén chegue á sociedade o que se fai pola cultura no ámbito local.” E tampouco se esqueceu de subliña-lo significativo de que Villalta sexa a sexta muller homenaxeada dende 1963. Pola súa parte, a técnica municipal da Cultura, Fita Sanisidro, foi a encargada de debullar polo miúdo as accións culturais que se levarán a cabo.
O festival de canto, baile e música Tradición e Luísa Villalta, da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Caramiñas, marcou o inicio da programación no domingo 5, ás 20.00 horas, no teatro cine Elma. Contou coa participación da Escola de Baile e Pandeireta Caramiñas e o GMT Caraveiros.
No martes 7, os/as protagonistas serán os/as escolares da infantil, a quen se lles levarán como agasallos uns cadernos cuns lapis de cores para iren escribindo letras galegas.
A quenda da arte virá coa apertura da exposición do XVIII Certame Isaac Díaz Pardo, a través da Deputación da Coruña, no venres 10, ás 12.00 horas, na casa da cultura Raquel Fernández Soler. Esta mostra atópase conformada por máis dunha quincena de pezas de diferentes expresións artísticas como videocreación, instalacións audiovisuais, fotografía, escultura ou gravado.
Xa pola tarde, proxectarase integramente o documental Voces da conserva, ás 20.30 horas, no teatro cine Elma. Trátase dunha produción audiovisual da Mancomunidade Barbanza Arousa que pon en valor a conserva nos terreos socioeconómico, cultural e turístico, a cal se emitiu na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, a comezos de ano. Seguiralle un coloquio para disertar máis sobre o amosado no vídeo.
As rúas da vila converteranse nun particular campo de xogos no martes 14, no horario das 10.00 ás 13.00 horas. Alumnado da primaria participará na acción lúdica Marabillas de Galicia, de Barafunda Animación.
Esperanza Mariño presentará o seu libro As escumas da letra. Biobliografía de Luísa Villalta. Será no xoves 16, ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán. As persoas asistentes recibirán como presente cadanseu libro, ata esgota-las existencias.
Xa no propio venres 17, Día das Letras Galegas, O Cantón da Leña será epicentro da Feira do 17. A partir das 12.00 horas estarán instalados postos de artesanía, grupos de música e baile tradicional, unha polbeira e o remate de festa será co grupo Tanto Nos Ten.
Os xogos populares regresarán no sábado 18. Nesta ocasión, da man de Somos Enredos, a partir das 17.00 horas, no parque do Castelo. Está aberto a tódalas crianzas que queiran sumarse.
Bradomín Teatro, da Asociación de Amas de Casa da Pobra, levará á escena a función Unha residencia con moita marcha. Terá lugar no domingo 26, ás 20.30 horas, no teatro cine Elma. Esta obra cómica relata a vida tranquila dunhas persoas dunha residencia que se ve alterada pola chegada dunha nova directora ao centro con moi mal carácter. Coñecerán co paso dos días, ademais, que un famoso cantante dará un concerto na vila, polo cal os/as residentes queren ir á festa e iso desencadeará momentos divertidos e risas aseguradas.
O cartel chegará á súa fin coa presentación do libro Fóra de xogo, de José Luis Baños, obra gañadora do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A cita desenvolverase no xoves 30, ás 12.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Entregarase como obsequio cadanseu libro ao alumnado da primaria asistente a este acto.