Friday 22 de November de 2024

Reunión coas ANPAS do Concello de Ribeira


O alcalde de Ribeira e a concelleira de educación, Cruz Rivadulla, mantiveron unha reunión coas ANPAS do Concello nun esforzo por estreitar a colaboración entre a administración local e as comunidades educativas. No encontro abordáronse diversos temas de interese para mellorar a calidade do ensino no municipio.

Un dos puntos destacados foi a necesidade de reforzar a comunicación e coordinación entre o goberno municipal e as asociacións de nais e pais, e traballar conxuntamente para buscar solucións aos retos aos que se enfrontan os centros educativos do municipio. Tratáronse estratexias para favorecer a conciliación, a xestión dos comedores escolares e o servizo de monitorado.

Tamén se abordaron temas relativos á seguridade vial nas estradas arredor dos colexios, o transporte escolar ou á necesidade de profesorado para os nenos e nenas con necesidades especiais. Neste senso, o alcalde e a concelleira comunicaron ás ANPAS que o goberno municipal ven de solicitar unha reunión coa Consellería de Educación, organismo competente na materia, para abordar estas problemáticas de xeito integral e buscar solucións eficaces que permitan mellorar as condicións educativas do municipio. “As catro alcaldías do Barbanza solicitamos tamén unha reunión coa empresa Monbus para tratar as deficiencias no transporte escolar” explicou asimesmo o alcalde Luís Pérez.

Outro dos temas tratados na reunión foi a carencia de espazo do CEIP O Grupo, que tamén precisa dunha obra de rehabilitación. En relación a isto, o Concello ven de aprobar no último Pleno Municipal a posta a disposición da Consellería de Educación o edificio da antiga Comisaría de Policía; para que a administración autonómica leve a cabo as obras necesarias para destinalo a uso educativo.

O alcalde e a concelleira comprometéronse a ter en conta as suxestións e inquedanzas suscitadas polas ANPAS e a seguir traballando de xeito colaborativo para avanzar na mellora do sistema educativo local.