O alcalde, Sergio Platas, lembrou a enorme pegada do cronista e quixo agradecer a “insistencia” de Emilio Vila na instalación do monólito hai 41 anos e nas súas peticións para renovar o espazo
No acto tamén participaron o secretario da Real Academia de Belas Artes, Felipe Senén; o cronista oficial do Concello, José Raimundo Núñez Lendoiro; e o fillo de Francisco, José Domingo Vales
As actuacións consistiron na limpeza e restauración do monólito, o reafirmado da superficie da praza, a colocación de valado e a instalación de bancos
Paderne lembrou hoxe a “enorme transcendencia” de Francisco Vales Villamarín no 41ª aniversario da instalación do seu monólito en Ponte do Porco. O alcalde da localidade, Sergio Platas, presidiu un acto para inaugurar a remodelación do xardín-miradoiro que leva o nome do historiador, docente, membro da RAG, da Real Academia de Belas Artes e cronista de Betanzos.
“Precisamente o feito de que este monumento leve xa máis de catro décadas connosco demostra a enorme transcendencia que tivo Vales Villamarín para a nosa comarca”, apuntou Platas, que pechou un acto no que falaron o secretario da Real Academia de Belas Artes, Felipe Senén; o cronista oficial do Concello de Paderne, José Raimundo Núñez Lendoiro; e o fillo de Francisco, José Domingo Vales, que falou en nome da familia e depositou unha coroa de loureiro ao pé do monólito.
Tamén ofreceu unhas palabras Emilio Vila Agras, o veciño responsable da instalación do monólito apenas uns meses despois do falecemento de Vales Villamarín. Un Emilio ao que o alcalde quixo agradecer o seu “traballo e constancia” tanto na recompilación de documentación como á hora de solicitar a remodelación do espazo. Como detalle pola súa constante iniciativa, o Concello de Paderne incluíu nun dos bancos unha pequena placa homenaxe ao veciño coa frase: ‘A D. Emilio Vila, en agradecemento pola súa contribución e implicación altruísta na mellora deste espazo e do concello de Paderne’.
“O noso equipo de goberno tiña claro que este investimento era unha obriga. Pero non tería sido algo tan evidente sen a insistencia de Emilio. Se hoxe estamos aquí é por ti, Emilio. Apostamos de novo neste espazo que parecía esquecido durante tantos anos e que, desde hoxe, adquire unha nova dimensión dobre. Por unha banda, dándolle de novo brillo a un lugar no que paga a pena parar e desfrutar, á beira do transitado Camiño Inglés e na desembocadura do Río Lambre, nun dos enclaves máis espectaculares da comarca. Por outra, acompañando este magnífico espazo cunha potenciación da lembranza a Francisco, un home que non merecía menos”, explicou Platas.
O rexedor rematou as súas verbas destacando: “O xardín-miradoiro é agora un lugar con máis valor. Un lugar que coidaremos como merece para que Francisco se manteña na memoria colectiva de Paderne e a nosa comarca por sempre”.
Case 10.000 euros de investimento
O Concello de Paderne inaugurou este espazo no que se investiron case 10.000 euros (sen impostos) na súa remodelación. Concretamente, o executivo local contratou a execución dunha completa actuación que consistiu na limpeza e restauración do monólito, o reafirmado da superficie da praza, a colocación de valado e a instalación de bancos.
Ademais, leváronse a cabo uns traballos para facer accesible a beirarrúa e devolverlle lustre a un espazo único no municipio, que permite desfrutar da desembocadura do río Lambre á beira do municipio veciño de Miño.