O Concello destaca a importancia do sector no municipio como xerador de emprego
O Concello de Neda impulsou este domingo dúas novas catas no marco da campaña municipal “Neda a petiscos”, concibida para promocionar a calidade e a variedade dos produtos das dez panaderías locais que participan, convertendo os seus doces e empanadas nun gancho cheo de sabor para achegar a veciños e visitantes á hostalería. A idea do Concello é pór en valor un sector que é clave como motor no emprego na localidade e fomentar o consumo.
Neste Día da Nai, La Cortesa serviu co almorzo da mañá proia de Panificadora Germán e El rincón de Adri, negocio de recente apertura, que se estreaba na campaña, ofrecía coas consumicións empanadas de sabores variados elaboradas nun caso por Modesto Hermida e J. Castro Hermanos. En todos os casos, auténticos manxares dun sector que segue a ser un emblema do municipio.
O alcalde, Ángel Alvariño, que participaba xunto ás concelleiras de Turismo e a de Educación nunha das degustacións, subliñaba a importancia das panaderías na economía local. As once tafonas que funcionan na actualidade xeran, a pesar das dificultades (carestía da materia prima, da electricidade…) ao redor de 160 empregos, entre profesionais dos obradoiros, despachos de venda e persoal de reparto. Un traballo que beneficia ademais de forma indirecta a outros sectores.
A campaña municipal, que mostra a través píldoras audiovisuais co proceso de elaboración dalgúns dos produtos que o Concello está a subministrar aos bares para as catas, rematará na fin de semana do 11 e 12 de maio. Durante eses días programarase cinco degustacións noutros tantos locais, completándose así as 16 programadas nesta terceira edición.